Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

Mostrando postagens com marcador Muíño. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Muíño. Mostrar todas as postagens

09 dezembro, 2017

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 6. Luns 4 de decembro de 2017

Escoitando Barrio Alto, interpretado por Carlos do Carmo, comeza a emisión do programa, para dar paso a Roberto Taboada, presidente da Asociación Veciñal que informa sobre as novas que estes días están pasando en Canido. Salientar as referencias ao pasamento do antigo presidente da Asociación de Veciños, Sr. Prego e tamén o resumo do emotivo acto, homenaxe a Antón Varela con motivo da inauguración do monumento e nomeamento do parque que agora leva o seu nome. 

Libros, creadores e lectores foi o cerne do faladoiro da segunda parte do programa. Como invitados participaron Antón Cortizas, Henrique Dacosta e Rafa Aguirrebengoa.
Debate de Antón e Henrique arredor do proceso de creación dunha obra literaria. O autor diante da folla en branco , os motivos que levan á dedicación de escribir, os premios, o sentimento íntimo diante da obra rematada, os autores e as influencias externas… Voaron palabras de dous recoñecidos autores de Canido con obras universais.

E logo a recreación que da obra do creador fai o lector. Rafa achegounos ao amor que sempre sentiu polos libros e as súas lecturas, dende o Julio Verne da súa infancia ata os miles de libros que hoxe le e coida con agarimo. Tamén informa Rafa da biblioteca que  están formando en Muíño do Vento. Biblioteca feita con doazóns e coa especificidade de ter preto de dous mil libros en galego ou con temática relativa a Galicia. Esta Biblioteca pasará a formar parte, xunto cos fondos que aporte a Asociación Veciñal, dunha única  Biblioteca de Canido.
George Moustaqui despediu o programa nº 6.

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 5. Luns 20 de novembro de 2017

Programa monográfico co título Violencia de xénero nunca máis .
Asisten ao programa Chus Prieto, traballadora social e docente de teatro, Ana Cobo, Psicóloga experta en igualdade, Inés Bouza, Presidenta de Alvixe (Asociación para a loita contra a violencia de xénero), Noelia Darriba, educadora social e terapeuta, socia fundadora de Atalaia, Verónica Cinza, socia e usuaria de Alvixe.

Tamén tivemos en directo a Maite Dacosta, cantante, actriz docente de teatro. Maite comezou o programa coa interpretación da canción Certo pan de cada día.

Debate sobre a denominación correcta concluíndo todas as presentes en que a denominación máis correcta é Violencia machista.

Xustificación da data, actos a celebrar na comarca, implicación das administracións, fiabilidade de campañas e números, proceso  da violencia…e unha hora de debate que quedou curta.

Debate dende a razón e dende o corazón. Maite pechou a emisión deste emotivo programa coa canción Minoría Mulher.

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 4. Luns 6 de novembro de 2017

Programa que tiña como finalidade escoitar novas ideas e novas propostas  aportadas por novos realizadores do audiovisual de Galicia e tamén escoitar novas ideas e novas propostas dende a mocidade que hoxe está nos nosos Institutos. 
A canción Carteiro em Bicicleta de Joao Afonso foi motivadora para a presentación dos participantes. 
Para falarnos do mundo do Audiovisual galego contamos con Brais Romero e Antón Rodríguez, realizadores e recoñecidos novos valores do mundo audiovisual galego. O mundo da mocidade estudantil estivo representado por Carla Mosquera, Cristina Vidal e Verónica Vázquez.

Expuxeron Brais e Antón as súas apreciacións  sobre a definición, situación, produción,… do audiovisual no noso País. Asemade propostas sobre encontros e festivais, a distribución, uso da Lingua e a implicación das Administracións …

Carla, Cristina e Verónica, alumnas do IES Canido, nunha linguaxe clara e directa aportáronnos a visión dunha xuventude vital e lonxe de estereotipos.

Das  Wander do compositor Schubert foi a música de despedida desta cuarta emisión

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 3. luns 23 de outubro de 2017

Abriuse esta emisión escoitando o 1º movemento da Sinfonía nº 2  Nas montañas de Galicia  do compositor Andrés Gaos. 

Música que, unha vez presentados os convidados Roberto Taboada, Camilo Casal e Paulino Gasalla, serviu para abrir os novos obradoiros de medio ambiente e historia. 

Roberto Taboada falou das novas da Asociación Veciñal de Canido, 
Pasouse logo a debater entre os presentes a situación pasada a semana anterior, cando o lume arrasou 35.000 hectáreas dos montes galegos.

Camilo Casal continúa o obradoiro medioambiental. Respostas a moitas preguntas sobre un tema tan actual como é o cambio climático, causas e consecuencias.

Paulino Gasalla dende o Obradoiro de historia, achegounos a figura de Alejandro Porto Leis e todo o laborioso proceso de investigación arredor do que foi último Alcalde Democrático do Concello de Serantes. Traballo de investigación que deu como resultado un documental, O segredo da Frouxeira, e un libro Alejandro Porto Leis. Un Alcalde para o pobo en tempos escuros, editado pola ASC Muíño do Vento.

Remate da emisión escoitando o poema Ergueremos a Espranza de Celso E. Ferreiro  na voz de Suso Vaamonde.

 

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 2. Luns 9 de outubro de 2017

Programación arredor do Urbanismo que contou coa presencia de Roberto Taboada, presidente da Asociación Veciñal de Canido, María Fernández Lemos, Concelleira de Urbanismo en Ferrol, Juan Ares Gondell, enxeñeiro Industrial de Urbanismo no Concello de Ferrol e Andrés Santalla, profesor do IES Canido e coñecedor e divulgador da figura de Tonucci. Presenta Roberto Taboada as novas actividades que se están a realizar na Asociación Veciñal e pásase ao debate sobre Urbanismo.

Dende unha visión das novas tendencias no urbanismo universal, pasando polo urbanismo en Galicia e Ferrol, ata chegarmos ao debate arredor do urbanismo no barrio de Canido. Da necesidade de achegar o urbanismo as novas tendencias internacionais, de aplicar en Galicia as medidas necesarias para a corrección de desfeitas urbanísticas, das apostas sobre un urbanismo ferrolán que sen esmorecer no pasado teime por un urbanismo do noso século, ata as propostas para o barrio de Canido (comunicación que permita mobilidade e encontro do barrio co Centro, posibles aparcadoiros, Casa Chalé, Antiga Residencia, Centro Cívico, Rúa Celso Emilio, Novo Parque Antón Varela…). Necesidades dun Barrio que necesita dun novo Plan Urbanístico continuador do Urban.

Presentación do Camiños Escolares e a necesidade de incluír esta proposta nunha nova visión urbanística centrada nunha Cidade para os Nenos.

Na Rúa do Silenzo, Alalá das Mariñas, Os meninos de Huambo (con recitado de Magdalena, alumna do IES Canido) formaron o acompañamento musical deste programa.



08 dezembro, 2017

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa nº 1. luns 25 de setembro de 2017


Primeiro programa que tiña como obxectivo fundamental a presentación da ASC. MUÍÑO DO VENTO e explicar as razóns desta nosa presencia en Radio Filispím.

Contamos para elo coa asistencia no estudio da presidenta, Carmen Cuesta e dos vogais Rafael Rodríguez e Roberto Taboada. Presentou César Pita e na parte técnica estiveron Pepa Evia, María Xosé Ballesteros, e supervisión e apadriñamento de Fran.

Pequena introdución musical, O barco vai de saída, e pasouse ao debate entre os asistentes sobre a necesidade de lograr outra información que vaia máis aló da que acotío nos dan os medios convencionais. Chégase a conclusión da necesidade de estar sempre naqueles medios informativos libres, colaborando e prestando canta axuda sexa necesaria. Outra información é posible e agora mesmo imprescindible.

Preséntanse as programacións de Muíño do Vento e coas raíces na Terra, inxírense estas programacións no barrio de Canido.

ASC MUÍÑO DO VENTO agradece a Radio Filispín esta posibilidade de espallar as súas programacións  dende o seu dial (93.9)  e expresa os seus desexos de longa vida á Radio Libre e Comunitaria da Terra de Trasancos.

Pechamos debate, pechamos portas e xanelas do Muíño e despedímonos con Fausto e a súa proposta de.... Navegar, navegar

Related Posts with Thumbnails