Hoxe
22 de febreiro de 2018 chega un momento moi agardado por nós e os
colectivos e persoas afíns: o traslado do estudio de Rádio
FilispiM. Non é a nosa primeira mudanza, pois as reformas do
edificio do Ateneo Ferrolán, a nosa primeira casa desde o verán de
2005, obrigáronnos daquela a procurar unha nova ubicación. A
Asociación Cultural Fuco Buxán, partícipe na nosa grella de
programas, cedeunos o local que abandonaban na traseira do mercado de
Caranza e así este barrio foi a nosa segunda casa desde setembro de
2010.
Por
cuestións de seguridade, de comodidade e técnicas, deveciamos por
abandonar un local no que desde hai tempo resistiamos en condicións
penosas e mesmo perigosas. Nos últimos anos procuramos algún local
acorde coas nosas necesidades para revitalizalo e por fin, grazas á
Asociación de Veciños de Canido e a Muíño do Vento, comezamos ver
a luz. Tanto nós como as dúas asociacións coincidiamos na opción
de levar Rádio Filispim ao Centro Cívico de Canido, un edificio
moderno, ben ubicado e infrautilizado. Esta mudanza contribuiría á
dinamización das asociacións, do Centro Cívico de Canido, deste
barrio e da cidade. Finalmente, as conversas entre os tres colectivos
e o Concello de Ferrol, o estudo de orzamentos e unha posterior aprobación de gastos pola nosa asemblea concretáronse no comezo desta nova etapa.
Marchamos
con ilusión e optimismo a outro barrio senlleiro da cidade.
Confiamos nun cambio beneficioso para nós e para a comunidade.
Gozaremos dunha mellor cobertura do noso sinal. Teremos unhas
condicións dignas e atractivas para a participación de todas as
persoas que entenden este proxecto comunitario. Creceremos coma o que
desde sempre quixemos ser: un servizo útil e próximo para voces que
teñen presenza nula, escasa ou terxiversada nos medios públicos,
privados e comerciais.
Só
podemos terminar por insistir no noso agradecemento ás entidades mencionadas e berrar un “Opa,
Canido!”, “Opaí, Radio FilispiM!
O
Colectivo Opaíí-Rádio FilispiM