UNHA TARDE NO MUÍÑO
Programa Nº 6. Luns 4 de decembro de 2017
Escoitando Barrio Alto,
interpretado por Carlos do Carmo, comeza a emisión do programa, para dar paso a
Roberto Taboada, presidente da Asociación Veciñal que informa sobre as novas
que estes días están pasando en Canido. Salientar as referencias ao pasamento
do antigo presidente da Asociación de Veciños, Sr. Prego e tamén o resumo do
emotivo acto, homenaxe a Antón Varela con motivo da inauguración do monumento e
nomeamento do parque que agora leva o seu nome.
Libros, creadores e lectores foi
o cerne do faladoiro da segunda parte do programa. Como invitados participaron
Antón Cortizas, Henrique Dacosta e Rafa Aguirrebengoa.
Debate de Antón e Henrique arredor
do proceso de creación dunha obra literaria. O autor diante da folla en branco
, os motivos que levan á dedicación de escribir, os premios, o sentimento
íntimo diante da obra rematada, os autores e as influencias externas… Voaron
palabras de dous recoñecidos autores de Canido con obras universais.
E logo a recreación que da obra
do creador fai o lector. Rafa achegounos ao amor que sempre sentiu polos libros
e as súas lecturas, dende o Julio Verne da súa infancia ata os miles de libros
que hoxe le e coida con agarimo. Tamén informa Rafa da biblioteca que están formando en Muíño do Vento. Biblioteca
feita con doazóns e coa especificidade de ter preto de dous mil libros en
galego ou con temática relativa a Galicia. Esta Biblioteca pasará a formar
parte, xunto cos fondos que aporte a Asociación Veciñal, dunha única Biblioteca de Canido.
George Moustaqui despediu o
programa nº 6.