Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

Mostrando postagens com marcador Divertimento. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Divertimento. Mostrar todas as postagens

19 maio, 2016

15M 2011 en Ferrol; ecos cinco anos despois (arquivo Divertimento)

Imaxe da rolda de prensa (Pequeno Monstro)

Audio da rolda de prensa do colectivo "Toma la Calle Ferrol" celebrada o 16/05/2011, condeando o acontecido o día anterior (15M 2011) na Plaça de Catalunya en Barcelona, falando da concentración cacerolada prevista para o día seguinte e xustificando o movimento que viña de xudir, 15M, en todo o Estado. Na rolda de prensa estaban presentes: Luis, Oscar, Martinha, Jota e xxx. Ao fondo da imaxe pode verse a Acampada Ferrol.

Toma de son: Pequeno Monstro (Rádio FilispiM). Arquivo do Pequeno Monstro.


13 maio, 2016

Divertimento para pequenos monstros. Especial 5º aniversario do 15M - Ferrol

 Maio 2011, Ferrol (Fonte: Luis Fernández)

Na edición do 20 de maio de 2011 de Divertimento para pequenos monstros (Rádio FilispiM), realizamos a primeira das numerosas coberturas verbo da incidencia na nosa comarca do, daquela, nacente Movimento 15M. Hoxe, cadrando do quinto aniversario do 15M, recuperamos ese programa e o completamos con outros rexistros sonoros tomados directamente na Praza do Concello de Ferrol, testemuña de asembleas, acampadas e actividades promovidas polos colectivos xurdidos daquela, coma "Toma la Calle Ferrol" ou, mesmo, "Acampada Ferrol."

Este programa especial está plantexado a modo de collage sonoro, co obxecto de que a ovinte se faga unha composición do acontecido naquel Maio de 2011, no Estado, País galego e, como non, Ferrol.

As reportaxes foron rexistradas polo Pequeno Monstro para o programa Divertimento, na Praza do Concello de Ferrol os días, 19, 20 e 28 de maio de 2011Algúns destes rexistros son inéditos, non se difundiron até agora, polo que cobran especial relevancia. A actual coxuntura política, onde formacións nadas daquel 15M gobernan xa algunhas Institucións, mesmo teñen opcións de gobernar o Estado, lle dan a este documento un plus de importancia, canto a analisar como, cando e por que comezou todo.

A cronoloxía dos rexistro sonoros (según aparecen no programa) é a seguinte:
  • Xoves 19/05/2011. Conexión telefónica coa Praza do Concello de Ferrol. Iago Montes fai de correspondente. Damos voz a un dos integrantes de "Ferrol Toma la Calle", colectivo convocante da concentración que está a ter lugar (min. 00:18).
  • xx/05/2011. Audio do programa "En días como hoy" (Radio1 - RNE). Chamada de Cristina, unha ouvinte indignada co que está a ouvir na tertulia radiofónica do ente público (min. 00:33).
  • Domingo 15/05/2011. Audio rexistrado por Divertimento na manifestación do 15M de Sevilla (min. 00:40).
  • Venres 20/05/2011. Audio rexistrado por Divertimento na Asemblea aberta daquela tarde, organizada por "Ferrol Toma la Calle" (min. 00:49).
  • Sábado 28/05/2011. Entrevistas realizadas por Divertimento a persoas da "Acampada Ferrol", na Praza do Concello: grupos de traballo, coordenadoras, persoas colaboradoras, moz@s que chegaban a acampar (min. 01:06).
  • Sábado 28/05/2011, na noite. Rexistro de Divertimento do concerto do grupo folk Muxarega de As Pontes, dentro das actividades organizadas por "Acampada Ferrol" (min. 01:41).
Selección musical:
- Bigott. Gravación realizada por Divertimento no Womad de Cáceres de 2011.
- Selección de hip-hop instrumental do selo Tú Pierdes (Yo Gano-Superego). Temas de Hyppaly, etc.
- Steve Reich.
- Andrew Poppy (...)

Condución, montaxe e edición de audio: Pequeno Monstro (13/05/2016)


Video: Reportaxe 15M en Ferrol (fonte: chupicola)

11 maio, 2016

Divertimento para pequenos monstros, programa especial quinto aniversario 15M en Ferrol.

Movimento 15M en Ferrol
Documentos inéditos do 15M en Ferrol.

Por mor do quinto aniversario do 15M (2011), este venres ao longo da mañá, DIVERTIMENTO PARA PEQUENOS MONSTROS, pùblicará un programa Especial editado para a ocasión, con audios (algúns inéditos, non publicados até agora), rexistrados polo Pequeno Monstro na Praza do Concello de Ferrol, entre os días 19, 20 e 29 de maio de 2011. O programa ten unha duración de 1h 43 min.

Nese collage sonoro, poderemos ouvir, entre outros, os seguintes documentos:

19/maio/2011: audio da concentración "Ferrol Toma la Calle", co compañeiro de Rádio Filispim - Colectivo Opaii, Iago Montes de correspondente. Uns 10 minutos.

20/maio/2011: audio da Asemblea do 15M na praza do Concello de Ferrol, con voces de moitas persoas, reflexións en alto, etc. Son case 20 minutos.

28/maio/2011: diversos audios tomados a persoas da Acampada Ferrol: grupos de traballo, coordenador@s, persoas que chegaban para acampar, persoas lles prestaban colaboración... 16 minutos.

E para finalizar, concerto case íntegro de Muxarega durante a Acampada Ferrol, á noite do 28 de maio de 2011 na Praza do Concello.

En sucesivos días, Divertimento publicará máis material relacionado co 15M en Ferrol.
+ info en: http://pequenosmonstros.blogspot.comPequeno Monstro (páxina facebook)

Pequeno Monstro (Rádio FilispiM)

23 março, 2016

A historia do Conspirando por unha radio libre, da I á VI edición - Divertimento (26/03/2009, Rádio FilispiM)

Imaxe do VI Conspirando, 9/4/2009. Praza Inferniño, Ferrol
(26/03/09 - resubida) A piques de celebrar a VIII edición do Conspirando (xoves 24/03/2016), recuperamos esta gravación de Divertimento para pequenos monstros dende o estudo "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán, na que faciamos un repaso das edicións do festival Conspirando por unha radio libre que se realizaran dende o ano 2004 até o 2009, ou o que é o mesmo: dende a primeira até a sexta edición.

A historia do Conspirando por unha Radio Libre.

Na última edición de Divertimento, co gallo da inminencia da particular penitencia ferrolá, fazemos un resumo a vista de paxaro de todas e cada unha das edicións do Conspirando por unha radio libre, lembrando os grupos que participaron, o lugar onde se celebraron e as datas.

O vindeiro xoves (insano) 9 de abril de 2009 volvemos conspirar, nun festival que cada ano medra en interés e alternativa na semana onde puidera parecer que tod@s os ferrolás comungan con rodas de múiño. Mais non. Este ano, ademáis da II edición da Feira de Colectivos, haberá chourizada e remataremos de conspirar coas actuacións de tres grupazos: Sacha na Horta (Compostela), Roger de Flor (Fene) e Retobato (Ferrol).

A idea do Conspirando nace da necesidade de darlle publicidade á creación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol (Trasancos) e conquerir cartos para a merca dos equipamentos técnicos, sen axudas externas que condicionaran a nosa independencia coma medio (nen cartos das institucións, nen cartos de empresas). Coa entrada ao Conspirando de 3€ púñase a venda diverso material editado polo colectivo: camisolas, chapas, autocolantes, cedés compilatorios de grupos locais... Xa no 2008 o festival crece en organización e infraestrutura é pasa a ser de balde e ao ar libre, baixo unha inmensa carpa na Praza do Inferniño de Ferrol  (o Inferno).

Unha anédota do festival é que entre as propostas para darlle nome estivo "Contaminando por unha radio libre", mais a asemblea decidiuse pola variante "Conspirando", xa que cadraba mellor canto as nosas intencións, "conspirar". Outra das anédotas, a segunda edición estivo a piques de celebrarse fóra de xoves "insano". Así, prevista para o 25 de xuño de 2004 (logo do éxito da primeira edición) dias antes do festival cando xa estaba todo preparado, @s integrantes do Colectivo Opaii! se atopan cunha chea de cartazes de cor fosforita pegados por todo Ferrol que anuncian unha "festa universitaria" o mesmo día, hora e no mesmo sitio que tiñan previsto para o II Conspirando, a West Saloon. Logo dun mosqueo monumental cos (i)rresponsábeis da sá da Estación de Ferrocarril de Ferrol, tiveron que pospoñer o evento. Aquela noite ficou alcumada para a historia filispiniana como "A noite dos cartazes fosforitos". Finalmente, a segunda edición se celebraría na Fundaçom Artábria.

Esta é a cronoloxía do Conspirando, dende a súa creación no 2004, cando a Rádio FilispiM tan só emitía nos nosos maxíns, até o ano no que se realiza este especial Divertimento, 2009:


Cronoloxía do Conspirando por unha radio libre do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM

8 de abril de 2004: I Conspirando por unha radio libre – Estación Ferrocarril (Ferrol). Músicos: Miguel Alonso, Window Pane, Funky Brewster, Loom, Oscar Fernandez Sanjurjo, IV Guerra Mundial.

26 de marzo de 2005: II Conspirando por unha radio libre – Fundaçom Artábria (Esteiro-Ferrol). Músicos: Vladi, Misquious, Kobe.

13 de abril de 2006: III Conspirando por unha radio libre – Local Social de San Carlos (Esteiro-Ferrol), Músicos: Strutter, IV Guerra Mundial, Sociedade Protectora del Hombre Mono (Cristobal Veiga + Rogelio Arias) coa colaboración de Boy Elliot, Os tres Trebóns e o Vendaval do Roxal (A Corunha).

5 de abril de 2007: IV Conspirando por unha radio libre – DZINE (San Sadurniño). Músicos: La Sentina, Os Chiquilicuatres (Ribeira), ex Lamatumbás (hoxe O Sonoro Maxín, Ourense).

20 de marzo de 2008: V Conspirando por unha radio libre (Praza do Inferniño-Ferrol, baixo carpa). Müsicos: Dakidarría (Nigrán), The Sweat, Ta´Crack, 1º Feira de Colectivos.

9 de abril de 2009: VI Conspirando por unha radio libre (Praza do Inferniño-Ferrol, baixo carpa). Músicos: Retobato (Trasancos), Roge de Flor (Trasancos), Sacha na Horta (Compostela), 2º Feira de Colectivos.

---
Nun futuro Divertimento faremos un repaso polas seguintes edicións do Conspirando retomadas no ano 2015 (tras un parón de cinco anos), cadrando co 10 aniversario das emisións de Rádio FilispiM, cando unha nova xeración de filispinia@s, e outros que retornan, collen o testigo e volven activalo pasando a ser o espazo elixido para a súa celebración (nas súa VII e VIII edición), unha sá comercial de concertos cos seus propios medios técnicos, característica que simplifica a súa realización sen perder o seu obxectivo orixinal: acadar autofinanciamento con achegas da comunidade e colectivos afíns.

Documentación e condución: Pequeno Monstro.
Sintonizamos... (26/03/2009)

19 fevereiro, 2016

In memoriam Diego Barcia - Divertimento (arquivo - 16/10/2008, Rádio FilispiM)

Diego Barcia en Rádio FilispiM (arquivo)
(16/10/2008 - resubida) Rescatamos do arquivo esta moi especial edición de Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán. Durante case unha hora tivemos coma convidado a Diego Barcia. Como aconteceu con moitas das persoas que integraron, ou seguen a ser parte do Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM, oferecimos o noso espazo a Diego para que se familiarizara co medio que pronto acolleria a súa proposta, "Discontinuidade", un programa que se emitiría naquela grella, 2008/2009, na Rádio FilispiM, libre e comunitaria de Ferrol.

O programa transcorreu na liña habitual de Divertimento, desenfadado e con moito humor; conversamos con Diego da súa vida, das súas aficcións e, como non, poñéndoo a tripular a nave filispiniana, para que se fixera cos mandos técnicos. "Discontinuidade" sería o nome do seu espazo na FilispiM, aínda que, coma Diego decía "o título do programa irá cambiando de nome cada pouco tempo"...  Diego era un tipo xenial, imaxinativo, sensible, que escribía moi ben, como pode apreciarse no blog da súa autoria, "Hablar Alto", unha especie de cuaderno de bitácora que recolleu as súas reflexións entre febreiro de 2012 e xaneiro de 2013. Nas últimas entradas dese blog escribe dende Berlín; a partir de aí, silencio...

Diego Barcia naceu en Uruguay. En 1984, aos sete anos, trasladóuse a Fene coa súa familia; finalmente asentouse no ferrolán bairro do Inferniño. Pai dunha nena, participaba da vida social, de colectivos coma Masa Crítica ou mesmo Opaii!-Rádio FilispiM. Como calquer mozo da súa idade buscábase a vida traballando en mil oficios, mais a lamentábel situación laboral da comarca obrigóuno a partir. Un día, no final do vrao de 2012, comentou a súa familia que marchaba á vendima en Franza. En novembro de 2012 as crónicas, que el mesmo fai no seu blog, o sitúan en Berlín. O que aconteceu na súa vida nos seguintes seis meses, entre decembro de 2012 e xuño de 2013, é dunha maldita incerteza. Estoutro blog, na súa memoria, conta o que pudo acontecelle en xuño de 2013...

Diego Barcia, unha boa persoa, imaxinativa, inesquecíbel, que deixou fonda pegada entre quen o coñeceu, un anónimo más na súa grandeza, ao que seguimos a agardar aparecerse coa súa bicicleta para nos contar as súas cousas a súa maneira.

O pequeno monstro, 19/02/2016

Conduce: Pequeno Monstro (16/10/2008 - arquivo)


Todos os programas en: http://pequenosmonstros.blogspot.com

05 fevereiro, 2016

Divertimento recupera o arquivo sonoro das etapas en: Radio Fene, Radio Kaos e primeiros tempos da Rádio FilispiM.


Durante esta pausa nas emisións de Divertimento para pequenos monstros recuperaremos gravacións históricas do programa que, subidas no seu momento, foron caendo na rede tralos cambios en blip.tv

Agora, dende archive.org, recuperaremos eses programas correspondentes ás etapas de emisión en Rádio Kaos (anos 1998/2000), Radio Fene (2000/2005) e da Rádio FilispiM (2005/2012), no caso filispiniano gravados no mítico estudio "metro cadrado", no Ateneo Ferrolán.

Acéitanse peticións de re-subida destes programas de arquivo. De terdes especial interés nalgún, ou fostes protagonistas deles coma convidad@s (persoas ou Colectivos), non deixedes de solicitar a súa resubida.

Podes seguir a actualización e recuperación do arquivo sonoro de Divertimento en:
http://pequenosmonstros.blogspot.com
Saùde e divertimento.
Pequeno Monstro, xaneiro 2016

13 outubro, 2015

Divertimento - Colectivo CGTH, 10 anos + Danza, con Suso Perez Lago e Mar Sanchez

Mar Sánchez e Suso Pérez Lago, en Divertimento

Edición do venres 9 de outubro de DIVERTIMENTO para pequenos monstros...

Contidos:
  • O Colectivo ferrolán CGTH anda a cumprir 10 anos, e para cebralo programan unha festa para o vindeiro venres 16 de outubro na sala Super 8 de Ferrol, coas actuacións de Bala, Klute e Os Novos. Oscar e Olaia, integrantes de CGTH, estiveron no estudio...
  • O mundo da DANZA e da DANZATERAPIA en Ferrol. Coa presenza do bailarín Suso Pérez Lago e da danzaterapeuta Mar Sanchez Fraga​, que afondaron no mundo da danza e nos contaron as actividades para este novo curso e da áula de danzaterapia que impartirá Mar Sanchez a partir do xoves 15 de outubro.
  • Recomendacións para a fin de semana...


Difunden:
 Rádio FilispiM, 93.9 FM (Ferrol) & Rádio Kalimera, 107.9 FM.
Conducen: Ana Lucecú​ e o Pequeno Monstro​.
+ info: http://pequenosmonstros.blogspot.com

14 julho, 2015

DIVERTIMENTO - Conversa con Fernando Fdez. Rego, autor do libro: "ANDRÉS DO BARRO, SAUDADE. El músico que llevó el pop en gallego al número uno de ventas en España".

Fernando Fdez Rego e Andrea Lapique (foto: Pequeno Monstro)

Edición Especial (40 min. aprox.) do venres 10 de xullo de 2015 de "DIVERTIMENTO para pequenos monstros" en Rádio Filispim - Colectivo Opaii!,
  • Conversa con Fernando Fernández Rego, autor do libro "ANDRES DO BARRO, SAUDADE. El músico que llevó el pop en gallego al número uno de ventas en España" (La Fonoteca, 2015), pouco antes da presentación do libro no bar Manchita Cosa de Ferrol. 

Apresentan e conducen: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.

Emisión en: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Ferrol/Trasancos), Rádio Kalimera, 107.9 FM (Compostela) & vía streaming en: http://opaii.blogspot.com
Tlfno directo: 981.37.10.40


Todos os programas en: http://pequenosmonstros.blogspot.com

23 junho, 2015

DIVERTIMENTO (extra) - A nosa contribución á maratón "A Filispina Tolea" (13/06/2015)

Algunhas das persoas participantes no extra-Divertimento 

O pasado sábado 13 de xuño de 2015, Ana Lucecú e o Pequeno Monstro, a equipa habitual de Divertimento para pequenos monstros, participamos na maratón "A Filispina Tolea!", xunto a outros espazos, dentro do programa de actos do 10º aniversario das emisións de Rádio FilispiM.

Durante algo máis de hora e media, falamos con algunhas das persoas que foron testemuñas dos alicerces "filispinianos", aquelos primeiros tempos (setembro de 2003) onde, entre moita xente diversa, se lle deu forma a idea da primeira radio libre e comunitaria que emitiría dende Ferrol e Trasancos. Radio pertencente ao terceiro sector da comunicación, xestionada pola comunidade.

No estudio da Rádio FilispiM, estiveron, contando cada quen as súas lembranzas e valorando o estado actual do proxecto: Cholo Martínez, Paula Meizoso, Nes, Xabi, Iván, Suso Manchita, Narsés Mira, Ana Lucecú e o André "Pequeno Monstro". Coma convidado especial estivo Serxio dos Carrero Bianco, que tocaron aquela mesma noita no Pinsapo.

Longa vida a Rádio FilispiM!!

07 junho, 2015

DIVERTIMENTO - Milómanos + Campaña apoio programa "Planeta Furancho" (Vituco Neira)

Manu e Milo (Milómanos) e banner de programa Planeta Furancho  (Vituco Neira)

Edición do venres 5 de xuño na Rádio Filispim, 93.9 FM, de DIVERTIMENTO para pequenos monstros...

CONTIDOS:
  • Na primeira hora do acudiron ao estudio da FilispiM, os integrantes da banda ferrolá MILÓMANOS, Milo e Manu, que co seu pop acústico e incisivo, conversaron e perpetraron pezas da súa primeira maqueta e algunha que outra sorpresa ao vivo... 
  • Na segunda hora, especial PLANETA FURANCHO, con conexións con Leonardo Fernández Campos (LEO ARREMECÁGHONA) e Xose Anton BOCIXA (ZENZAR), que nos falaron da campaña en apoio a continuidade de emisións na radio publica galega (Radio Galega Música) de Planeta Furancho, programa que até o pasado venres 29 de maio conducía Vituco Neira. Sumarémonos a campaña difundindo este novo episodio de "auto-odio" (á cultura propia do país) nos medios públicos de Galicia. 

Apresentan e conducen: Ana Lucecú o Pequeno Monstro.
Difunden: Rádio Kalimera, 107.9 e Rádio FilispiM, 93.9 FM, radios libres (GZ).
Rádio FilispiM, 10 anos compartindo.

17 abril, 2015

DIVERTIMENTO - Ateneo Ferrolán, rolda de prensa + Plataforma de Ferrolterra contra do TTIP (Acordo Transatlántico de Libre Comercio)

Un instante do programa especial contra do TTIP
Edición do venres 17 de abril, na Rádio Filispim, 93.9 FM, de DIVERTIMENTO para pequenos monstros.
  • Na primeira hora falamos do ATENEO FERROLÁN, da solicitude de recoñecemento de responsabilidade patrimonial que veñen de presentar ao Concello de Ferrol. Escoitamos íntegra a rolda de prensa que o presidente do Ateneo, Eliseo Fernández, e o avogado da entidade, José Manuel Aneiros, deron o pasado mércores no edificio do Ateneo Ferrolan.
  • Na segunda hora falamos do TTIP (Acordo Transatlántico de Libre Comercio), que negocian en secreto EE.UU., Canadá e a U.E. e que, de aplicarse, tería consecuencias directas sobre os nosos dereitos e liberdades individuais e colectivas (saúde, educación, en materia de lexislación laboral, medioambiental...). Para elo contamos no estudio con tres integrantes da Plataforma de Ferrolterra contra o TTIP, Rubén, Celso e Elvira. El@s, ademáis, anunciaron a convocatoria global para este sábado 18 de abril as 12:30 hrs., que en Ferrol terá lugar na  Praza do Concello.
Apresentan e conducen: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Difunden: Radio Filispim 93.9FM e A Kalimera Rádio Livre


30 março, 2015

DIVERTIMENTO - Especial 10 anos de emisións da Rádio FilispiM, libre de Ferrol, e 12 do Colectivo Opaíí!! (27/03/2015)

Imaxe do "metro cadrado", primeiro estudo da Rádio FilispiM, no Ateneo Ferrolán.

Edición de DIVERTIMENTO para pequenos monstros do venres 27 de marzo de 2015, na Rádio Filispim, 93.9 FM, libre e comunitaria de Ferrol.

ESPECIAL 10 ANOS DA RÁDIO FILISPIM e 12 DO COLECTIVO OPAíí!!

Durante dúas horas lembramos os momentos máis sinalados do Colectivo Opaii!, dende os seus alicerces, en outuno de 2003, pasando polas primeiras festas e actividades para recadar fondos, o momento da activación da primeira radio libre da comarca en agosto de 2005, as seis anteriores edicións do festival "Conspirando por unha radio libre", até chegar ao ano 2015, no que Rádio FilispiM cumpre 10 anos de emisións e celebra a VII edición do CONSPIRANDO.

Durante o programa contamos coa colaboaración especial de Juanillo (Trash Rock) e na segunda hora cos testemuños do noso compañeiro Cholo. Comentamos anédotas e ouvimos documentos sonoros da radio...

Na última hora tivemos comunicación telefónica con algunhas das persoas, animais e cousas que darán vida VII CONSPIRANDO POR UNHA RADIO LIBRE.
  • Pepe Cunha, do Colectivo Opaíí! 
  • Quincho e Carlota, de Carrero Bianco. 
  • Oscar Quant, integrante dos SkyHooks. 
  • Cris Moreira, actriz presentadora do VII Conspirando. 
... a nosa compañeira Espe (Sons Revela2) tamén nos deu a última hora dende o estudio.

O VII Conspirando, fáise en celebración 10º aniversario da FilispiM, mais tamén para o autofinanciamento da radio, que como sabedes non pide subvencións nen emite publicidade na procura da máxima independencia. A festa celebrarase o xoves “santo” 2 de abril, a partir das 22:00 h. na sá Super 8 de Ferrol, coas actuacións de: Saravá Criolo (música brasileira), Carrero Bianco (synth pop) e Skyhooks (bastket roll). O festival será animado pola actriz, Cris MoreiraTodas as persoas, artistas e grupos participantes no VII Conspirando colaboran desinteresadamente co Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM.

Apresentan: Ana Lucecú e Pequeño Monstro. Convidado especial: Juanilo “Trashrock”. Difunden: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Trasancos) e Rádio Kalimera, 107.9 FM (Compostela).

Todos os Divertimentos en: http://pequenosmonstros.blogspot.com

24 março, 2015

Divertimento - Especial Marchas Dignidade 21M_2015

Alunhas das persoas participantes no especial Marchas Dignidade 21M - 2015

Edición do venres 20 de marzo de 2015 de DIVERTIMENTO para pequenos monstros,

Especial MARCHAS DA DIGNIDADE, 21-M. Horas antes de que as columnas de Ferrolterra partisen para sumarse ao resto de columnas galegas na mobilización do sábado 21 de marzo de 2015 en Madrid, conversaremos na Rádio Filispim, 93.9 FM, con algunha das persoas que integran as Marchas na nosa comarca. 

Coma integrantes das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, estiveron no estudo: Rubén Dopico, André Martínez, Maximino Pardo, Alberto Espiñeira, Inacio Martínez e Elvira Marta.
Apresentaron e conduciron: Ana Lucecú e Pequeno Monstro.

Produzón deste especial: André Martínez i equipa de Divertimento.

18 março, 2015

Divertimento - Especial "Igualdade e empoderamento. Accións e propostas". Tres proxectos feministas no pais galego.

Un instante da presentación dos proxectos (foto: Lupe Ces)

Edición de DIVERTIMENTO para pequenos monstros, do venres 13 de marzo de 2015, na Rádio Filispim, 93.9 FM, libre de Ferrol.

Programa especial dende o Ateneo Ferrolan. Emisión en diferido do acto celebrado o 11 de marzo de 2015, baixo o título "Igualdade e Empoderamento. Accións e propostas". Unha interesante mesa redonda organizada polo Ateneo, onde se expuxeron tres proxectos feministas do noso país:
A mesa estivo apresentada por Paula Meizoso.

Apresentación do programa, toma e edición de son: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Emisión: Rádio FilispiM de Ferrol e Rádio Kalimera de Compostela.



Todos os Divertimentos: http://pequenosmonstros.blogspot.com

16 fevereiro, 2015

DIVERTIMENTO. Pablo Portero & Kozmic Blues - Roger de Flor & William Blake

Pablo Portero, Kozmic Blues & Roger de Flor.

Divertimento para pequenos monstros. Edición do venres 13 de febreiro de 2105, na Rádio Filispim Colectivo Opaii!, 93.9 FM, o programa máis subterráneo da Rádio FilispiM, libre e comunitaria.

Neste programa:
  • PABLO PORTERO apresenta AMAR1, a primeira das 17 pezas do seu novo proxecto audiovisual, AMAR. Ademáis falounos doutros doutras iniciativas, da súa relación co mundo da música e, especialmente, co dúo KOZMIC BLUES, que estiveron no estudio e nos interpretaron varias pezas en rigoroso directo. 
  • ROGER DE FLOR apresenta o súa nova peza e videoclip, "Ferrol Vello". Ademáis falounos da súa recente viaxe pola Europa e interpretounos en exclusiva mundial, algunha das novas pezas que vén de compoñer inspiradas nos versos de William Blake. 
  • AXENDA DIVERTIMENTO. O vagalume da noite ferrolá, Ana Lucecú, selecciona as citas que non debes perder nos vindeiros días. 
Apresentan e conducen: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Difunden: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Terra de Trasancos) & Rádio Kalimera, 107.9 FM (Compostela) e vía streaming para toda a galaxia en: http://opaii.blogspot.com

                               Todos os Divertimentos en: http://pequenosmonstros.blogspot.com

29 dezembro, 2014

Divertimento para pequenos monstros; especial fin de ano, 2014.

Unha instánea do especial fin 2014

Edición especial fin de ano, 2014, de Divertimento para pequeno monstros.

Cadrando cos últimos días do ano 2014, contamos coa visita no estudio filispiniano de compañeir@s da Rádio FilispiM e do Colectivo Opaii!!. En conversa informal, pinchamos música, fixemos balanzo deste ano filispiniano que xa remata, adiantamos algúns dos actos que terán lugar no 2015, ano no que Rádio FilispiM cumprirá 10 anos de emisións. Como non podía ser menos, brindamos con cava polo novo ano e tomamos uns dóces.

No estudio estiveron: Fran (Sonido Emergente), Juanillo (Trash-Rock), Pepe Cunha (Ábretedeorellas), Javi Malespina (Sons Revela2), Espe Vázquez (Sons Revela2), Ana Lucecú (Divertimento), Pequeno Monstro (Divertimento). Por teléfono: Xurxo Gago (Entrelazados), Xosé Luis Díaz (Radio Kaos).

Agradecementos especiais a Pepe Cunha (Ábretedeorellas) pola exclusiva mundial dunha das pezas rexistradas durante o concerto que Germán Coppini (de cuxo pasamento cúmprese un ano) deu no Teatro Jofre de Ferrol, xunto a "Comando Delta", xurdida de O.M.E.GA (Orquestra de Música Espontánea de Galiza) o 18/04/2009, e que vén de ser editado esta semana en CD, baixo o título de Semper Audax.

A equipa de Divertimento para pequenos monstros, Ana Lucecú e o Pequeno Monstro, desexamos a todas as persoas ben nacidas, unhas boas festas e un próspero ano novo. Saúde, e a polo 2015, ano filispiniano!


Conduce e apresenta: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Difunden: Radio Filispim 93.9FM (Ferrol) e Rádio Kalimera, 107.9FM (Compostela).

30 novembro, 2014

Divertimento. Especial "Ría de Ferrol, o espertar dos peixes" (28/11/2014)

Joám Luis Ferreiro (imaxe: http://www.greenpeace.org)

Especial "Ría de Ferrol, o espertar dos peixes". Nova edición de DIVERTIMENTO para pequenos monstros. Case dúas horas de opinión libre e valente na radio libre de Ferrol, Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Falouse, claramente, do estado de saúde da nosa Ría, dos recursos mariños, das Confrarías de Pescadores e as súas "autorizacións", da Consellaría de Pesca, dos Plans de Explotación, Asistencias Técnicas, Autoridade Portuaria, Forestal do Altlántico, Fábricas de Colas, Reganosa, Megasa, dos recheos e os cheiros (fedor), da formación náutico-pesqueira, do fenómeno crecente d@s traballadores irregulares da ría, dos misteriosos cursos de formación, do IGAPE, dos fondos FEDER (que tamén feden), de "Ferrol Container Terminal" e até dos muros físicos e sicolóxicos. Mais, tamén de futuro e esperanza, máis aló do "cenagoso" panorama actual.

Para todo isto, contamos no estudio con:
  •   Xaime, mariño mercante.
  •   Joám Luis Ferreiro (Cesio), Biólogo e integrante da SGHN (Sociedade Galega Historia Natural).
  •   Meli Criado, nautico pesqueira e "rebelde con causa".
* Tiveramos gostado ter presenza d@s traballadores irregulares da Ría de Ferrol, cuxa intervención no programa tentamos ao longo da semana, mais ao través dun dos seus representantes, anunciaron que non poderían participar.

Cara ao final do programa, tivemos comunicación cunha parte da "Columna Ferrolterra", integrada na Plataforma Galega das Marchas da Dignidade, que logo de varios días de camiñada chegaron o 29-N a Compostela para participaren xunto a milleir@s de galeg@s  no "Toma o Obradoiro".

Apresentou e conduciu: Pequeno Monstro.



Grazas a Meli, Cesio e Xaime pola súas valiosas e valentes intervencións, nun tema tan "cenagoso" coma é o da Ría de Ferrol. Falar claro, sen cancelas, coa crítica e autocrítica precisa, é o primeiro paso para mudar a actual situación.

14 novembro, 2014

DIVERTIMENTO - Especial Marchas da Dignidade, 29-N. Toma o Obradoiro.

O venres 14 de novembro de 2014, DIVERTIMENTO para pequenos monstros, realizou un especial "MARCHAS DA DIGNIDADE, 29-N. Toma o Obradoiro", en Rádio Filispim Colectivo Opaii, 93.9 FM.

Durante noventa minutos, falamos do por que deste movimento cívico cidadá en todo o Estado, particularmente no país galego, na nosa comarca e, claro, da convocatoria do vindeiro sábado 29-N en Compostela. 

No estudio da FilispiM, estiveron:
  • Daniel Melcón (coluna caranceria).
  • Santiago Lamelo (Fronte Cívico, Coruña).
  • Alberto Espiñeira (Marchas Dignidade Ferrolterra).
  • Marta González (coluna caranceira).
  • André Martínez (coluna caranceira).
  • Carme Cela (coluna caranceira).
Conduce e apresenta: o Pequeno Monstro.
Difunden: Radio Filispim 93.9FM (Ferrol) e Rádio Kalimera, 107.9FM (Compostela).

01 novembro, 2014

DIVERTIMENTO - Pablo Portero, mostra audiovisual - Especial "Crianza Natural" (alternativas ao sistema educativo oficial)

Parte das persoas participantes no especial "Crianza Natural."

Edición do venres 31/10/2014 de Divertimento para pequenos Monstros (Rádio FilispiM, 93.9 FM). Dúas horas de contiudos certamente monstrosos...

Neste programa:
  • Conversamos con PABLO PORTERO, quen proxectou unha mostra dos seus TRABALLOS AUDIOVISUAIS na noite de defuntos de 2014, en "El Cafeito de Gloria", R/Sol, 199 e nos falou dos seus proxectos máis inmediatos...
  • ESPECIAL "CRIANZA NATURAL" (alternativas ao sistema educativo ofical das crianzas). Cris, Marta e Ana Rosa (nais de nen@s non escolarizdxs) e Ana (nai dun neno escolarizado a distancia), contáronnos as súas experiencias canto esta forma de xestión da educación d@s seus fill@s fóra das áulas, do Sistema. Pola súa banda, Carlos de Franciso (sicólogo) e Gloria (mestre de primaria nun centro público) analisaron a cuestión desde un ponto de vista profesional entrando en conversa coas nais.


Apresenta: o Pequeno Monstro. Este programa non tiver sido posíbel sen a colaboración e o traballo de produzón previo de Ana Fernández.
Difunden: Rádio Radio Filispim 93.9FM e A Kalimera Rádio Livre
+ info: http://pequenosmonstros.blogspot.com

11 outubro, 2014

Divertimento. Especial XI Aniversario do Manchita Cosa, Ferrol.

Edición do 10 de outubro, entre as 6 e 8 do serán, Divertimento para pequenos monstros, na Rádio Filispim Colectivo Opaii, 93.9 FM e vía streaming en http://opaii.blogspot.com. Desta vez, unha hora de anti-radio
Contidos:
  • No estudio Suso Eiroá, elemento maior do Manchita Cosa, que este sábado 11 de outubro, celebra o seu XI aniversario coa actuación estelar de Joe Crepúsculo

  • Conexión con Ana Lucecú, o vagalume da noite ferrolá, quen nos comenta a Axenda Divertimento e un particular ranking de hixiene dos baños públicos nos locais da noite ferrolá. 

  • Despedida e feche do estudio. 

  • Apresentan: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
    Transmiten: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Ferrol) e Rádio Kalimera, 107.9 (Compostela).


    Todos os incidentes en: http://pequenosmonstros.blogspot.com
    Related Posts with Thumbnails