Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

22 fevereiro, 2018

Rádio FilispiM muda a súa ubicación e suspende temporalmente as emisións ao vivo

Hoxe 22 de febreiro de 2018 chega un momento moi agardado por nós e os colectivos e persoas afíns: o traslado do estudio de Rádio FilispiM. Non é a nosa primeira mudanza, pois as reformas do edificio do Ateneo Ferrolán, a nosa primeira casa desde o verán de 2005, obrigáronnos daquela a procurar unha nova ubicación. A Asociación Cultural Fuco Buxán, partícipe na nosa grella de programas, cedeunos o local que abandonaban na traseira do mercado de Caranza e así este barrio foi a nosa segunda casa desde setembro de 2010.
 Por cuestións de seguridade, de comodidade e técnicas, deveciamos por abandonar un local no que desde hai tempo resistiamos en condicións penosas e mesmo perigosas. Nos últimos anos procuramos algún local acorde coas nosas necesidades para revitalizalo e por fin, grazas á Asociación de Veciños de Canido e a Muíño do Vento, comezamos ver a luz. Tanto nós como as dúas asociacións coincidiamos na opción de levar Rádio Filispim ao Centro Cívico de Canido, un edificio moderno, ben ubicado e infrautilizado. Esta mudanza contribuiría á dinamización das asociacións, do Centro Cívico de Canido, deste barrio e da cidade. Finalmente, as conversas entre os tres colectivos e o Concello de Ferrol, o estudo de orzamentos e unha posterior aprobación de gastos pola nosa asemblea concretáronse no comezo desta nova etapa.


Marchamos con ilusión e optimismo a outro barrio senlleiro da cidade. Confiamos nun cambio beneficioso para nós e para a comunidade. Gozaremos dunha mellor cobertura do noso sinal. Teremos unhas condicións dignas e atractivas para a participación de todas as persoas que entenden este proxecto comunitario. Creceremos coma o que desde sempre quixemos ser: un servizo útil e próximo para voces que teñen presenza nula, escasa ou terxiversada nos medios públicos, privados e comerciais.
Só podemos terminar por insistir no noso agradecemento ás entidades mencionadas e berrar un “Opa, Canido!”, “Opaí, Radio FilispiM!
O Colectivo Opaíí-Rádio FilispiM

Nenhum comentário:

Related Posts with Thumbnails