Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

Mostrando postagens com marcador Comunicados do Colectivo Opaii!. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Comunicados do Colectivo Opaii!. Mostrar todas as postagens

30 março, 2018

X CONSPIRANDO POR UNHA RADIO LIBRE, xoves 29 de marzo , 12:00 am, Centro Cívico Canido (Ferrol).


CONSPIRANDO POR UNHA RADIO LIBRE, este xoves en Canido.
Este xoves 29 de marzo, o Colectivo Opaii! – Rádio FilispiM celebrará a X edición do “Conspirando por unha radio libre” coa actuación de Oscar Fojo, compositor e letrista de “El Viejo Caracol” , “Blah!” e integrante das míticas bandas locais: Zinza, Morecegos, Retobato e Os Derradeiros. Actualmente, ultima a gravación do seu primeiro disco en solitario, “De ventos e lúas”.

Dende as 12:00 do mediodía, a radio libre e comunitaria de Trasancos apresentará a toda a comunidade o seu novo estudio no Centro Cívico do bairro alto de Ferrol, Canido. Ademáis, no transcurso do festival haberá radio ao vivo con entrevistas, photocol, sorteo de camisolas de Rádio FilispiM e riquísimos petiscos...

Se ben o “Conspirando” se emitirá no 93.9 da FM, o Colectivo Opaii! convida a todas a sumarse á festa da radio libre no Centro Cívico de Canido.

Rádio FilispiM, nacida libre.
--
Audio promo X Conspirando:

Colabora na autoxestión de Rádio FilispiM: Triodos Bank, ES06-1491-0001-2120-2936-2023. Titular: Colectivo OPAíí!! [Ondas Para Activación Información Independente - Rádio Filispim].

05 abril, 2016

As contas do VIII Conspirando por umha Rádio Livre


Pedimos colaboraçom e participaçom para realizar o VIII Conspirando por umha Rádio Livre a grupos, ouvintes, soci@s, público, e ajudar à financiaçom da rádio sem ter que depender de ninguem nem estar subordinadas a nada, somos livres graças a vos.


Aquí tendes as contas do VIII Conspirando por umha Rádio Livre que se celebrou este ano 2016:




10 junho, 2015

A Filispina Tolea!, maratón radiofónico, este sábado de 11:00 a 21:00 h. (10 anos radio, 10 horas de radio).

Continúan os actos en conmemoración do 10º aniversario das emisións da Rádio FilispiM, 93.9 FMcoa maratón radiofónica "A Filispina Tolea!!!"

O sábado 13 de xuño, dende as 11 da mañá até as 9 da noite, emitiranse 10 horas ao vivo para celebrar os 10 anos de emisións da radio libre e comunitaria de Trasancos que emite dende Ferrol. 

Nesta festa da radio libre haberá músicas en directo, humor, lembranzas, mestura de programas actuais e regreso de voces que foron parte destes 10 anos de radio libre e comunitaria. Serán 10 horas continuadas coas voces do presente, do pasado e do futuro… as voces da túa comunidade!

O Colectivo Opaíí! invita a sintonizar o 93.9 da FM, ou vía streaming neste blog, e a participar a traves do teléfono directo 981.371040. Porque a xente conta!

Lembra: este sábado 13 de xuño entre as 11 da mañá e as 9 da noite… “A Filispina Tolea!!!”. 10 horas de radio ao vivo, 10 anos de vida.

Rádio FilispiM; 10 anos compartindo!


08 fevereiro, 2015

Este sábado 7 de febreiro ás 7 do serán, "FilispiM vai cumprir 10 anos".


Este sábado 7 de febreiro de 2015 a partir das 7 do serán, o Colectivo Opaii! volve ao Ateneo Ferrolán, cunha nova edición do ciclo "FilispiM vai ...", nesta ocasión adicada ao aniversario da principal actividade do Colectivo Opaii!, a Rádio FilispiM.

"FilispiM vai... cumprir 10 anos".
Durante a gravación do programa de radio lembraranse os alicerces do proxecto, falarase do presente e do futuro. Ademaís, haberá música ao vivo da man da banda ferrolá Weather Underground (pop/rock) e o dúo Indio & Lidia Pinheiro (sons brasileiros).
No transcorrer da festa de aniversario, apresentaranse as novas camisolas e chapas, conmemorativas do 10 aniversario, realizadas para a ocasión en unidades limitadas. A entrada é de balde.

Programa de actos conmemorativo do 10º aniversario das emisión da Rádio FilispiM, 93.9 FM.
Durante este 2015, levaranse a cabo outros actos conmemorativos, coma un Ciclo de Cinema adicado as radios libres e comunitarias; retomarase o festival Conspirando por Unha Radio Libre (en xoves "santo"), unha Exposición dos 10 anos da FilispiM  e, mesmo, unhas Xornadas de Medios Libres. A práctica totalidade deste actos celebraranse no Ateneo Ferrolán, pola súa complicidade e vinculación fundacional co proxecto da activación da primeira radio libre e comunitaria (terceiro sector) da Terra de Trasancos.
Seguiremos informando... Ficades tod@s convidad@s.

Cunha promo:

18 outubro, 2014

XV Sesión Vermú da Rádio FilispiM, presentación 10ª grella, 2014/2015


Iniciada a décima grella de Rádio FilispiM, 93.9 FM, retomamos un dos nosos encontros clásicos coa comunidade "ferrolterráquea", a Sesión Vermú. 

A XV Sesión Vermú da Rádio FilispiM, acontecerá este sábado 18 de outubro de 12:00 a 15:00 h, na traseira do Mercado de Caranza. Contaremos coa actuación do grupo de música tradicional, "Vai Rañala Meu". 

Durante as tres horas emitirase un programa de radio especial ao través do 93.9 FM, donde as voces habituais da radio libre, falarán das súas propostas radiofónicas para este novo curso radiofónico. A festa da radio libre acompañarase de saborosos petiscos, cervexas, vermú, música en directo, así como dun sorteo de camisolas co logo da radio.

Como ao inicio de cada grella, o Colectivo Opaii!- Rádio FilispiM, oferece a comunidade a posiblidade de involucrarse no proxecto. As persoas interesadas deben enviar as súas propostas ao enderezo filispina@gmail.com .No apartado “Quen Somos?” do blog do Colectivo Opaíí!, atópase información sobre o ideario fundacional desta iniciativa cidadá.

No mes de agosto de 2015 Rádio FilispiM cumprirá 10 anos de emisións initerrompidas. A paixón por unha radio non convencional, autoxestionada, creativa, comprometida e con vocación local, fixeron que nestes anos pasaran polo seu estudio (primeiro no Ateneo e agora en Caranza) centos de persoas radioapaixoadas, así coma dúcias de colectivos e do tecido asociativo da nosa comarca.

Este sábado 18 de outubro entre as 12:00 e 15:00 h. da tarde, pasa pola traseira do Mercado de Caranza e toma un vermú na festa da radio libre!!

Promo (version 1)

Promo (version 2)

17 setembro, 2014

Rádio FilispiM inicia nova grella radiofónica, a décima.

Rádio FilispiM cumprirá este curso radiofónico que comeza, 2014/2015, 10 anos facendo rádio libre e comunitaria na comarca.

Rádio FilispiM é a principal actividade do Colectivo Opaíí! (Ondas Para Activación da Información Independente). Unha radio sen ánimo de lucro, autoxestionada, sen patrocinadores, que non emite publicidade, enmarcada no terceiro sector da comunicación, integrada na ReGARLIC [Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias] e na ReMC [Rede Estatal de Medios Comunitarios].
Rádio FilispiM, cumprirá 10 anos de emisións ininterrompidas en agosto de 2015, sen que os fundamentos da súa activación teñan mudado; 10 anos nos que foron amplificadas as voces de centos de persoas, colectivos e asociacións da nosa comarca.
Aberto o prazo para presentación de novas propostas.

Rádio FilispiM aproveita esta nova grella para visualizar a súa actividade e convidar a todas as persoas a interesarse e participar no proxecto. As persoas, Colectivos ou Asociacións interesadas deberán enviar comunicación ao correo electrónico: filispina@gmail.com. No apartado “Quen Somos?” do noso blog [http://opaii.blogspot.com], atópase o ideario fundacional do Colectivo Opaíí!.

Áulas de técnicas de radiodifusión básicas e Actos do 10 aniversario.

Durante os vindeiros días Rádio FilispiM levará a cabo áulas de formación básica co obxecto de ensinar técnicas de radiodifusión básicas aos futuros responsábeis dos programas. Ademaís, a  Asemblea do Colectivo Opaíí!, comezará a perfilar os Actos para a celebración do 10 aniversario das emisións ininterrompidas da primeira radio libre e comunitaria da nosa comarca, Rádio FilispiM, 93.9 FM.


Ferrol, 9 de setembro de 2014
Colectivo Opaíí! – Rádio FilispiM, 93.9 FM


Informativos de Rádio FilispiM

09 julho, 2014

Comunicado do Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM en apoio a "Más Voces".

O Colectivo Opaii!, promotor da Rádio Filispim, a radio libre e comunitaria de Trasancos que emite dende Ferrol, quere mostrar con este comunicado que lamenta o fin desta etapa da realización do informativo Más Voces, que aportou durante anos dende a grella da nosa radio comunitaria e de moitas outras do Estado información de cualidade, con contidos e enfoques completamente alternativos aos que ofrecen os medios-empresa amigos do poder.

Neste eido, dende o Colectivo Opaii! avogamos pola implicación de todo o terceiro sector da comunicación con Más Voces, reforzándoo ou adaptándoo co obxecto de evitar a súa desaparición, pois sabemos o complicado que é botar a andar un novo proxecto e chegar as cotas de cualidade e recoñecemento que Más Voces acadou nos últimos anos.

Grazas amig@s polo esforzo, e boa sorte.

06 junho, 2014

Comunicado do Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM ante a denuncia da organización "Galicia Bilingüe" ao noso compañeiro Carlos.


Dende o Colectivo Opaíí!–Rádio FiispiM manifestamos a nosa solidariedade co noso compañeiro Carlos e difundimos este comunicado.
 
Ante o expediente aberto pola Dirección do IES Breamo de Pontedeume,  a instancias da Inspección da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia, previa denuncia do entorno da organización “Galicia Bilingüe”, manifestamos a nosa solidariedade con Carlos, alumno do centro e, ademáis, integrante do Colectivo Opaíi!–Rádio FilispiM de Ferrol.
Carlos é un rapaz esperto, implicado socialmente, coma corresponde a un mozo da súa idade e, ademáis, preparado para asumir responsabelmente a condución dun programa de radio, como ten amosado durante estes últimos tres anos, sorprendendo ao conxunto do Colectivo coa súa capacidade comunicadora e bon facer na radio comunitaria, pese a súa minoría de idade.

Coma compañeir@s e coñecedor@s de Carlos, non podemos calar ante a actitude ruín e delatoria da organización “Galicia Bilingüe”, que aínda que minoritaria e marxinal nos seus obxectivos, vén de amosar grande capacidade de influencia no colectivo e no público. Tanto, que sorpréndenos a resposta da Equipa directiva do centro público IES de Breamo de Pontedeume, mesmo da Inspección Educativa da Consellaría de Educación, ao secundar a actitude delatoria do entorno de "Galicia Bilingüe" logo dunha denuncia anónima, que non merece outra cualificación que de covarde e irresponsábel, xa que Carlos é menor de idade e ista esaxerada situación pódelle ocasionar un dano persoal e academico irreparábel. Lamentábel o papel da organización "Galicia Bilingue", pretendidamente constituida por persoas adultas e responsábeis, cuxos integrantes din, paradoxalmente, reclamar a liberdade.

Cremos que as instancias Educativas que decidiron entrar no xogo sucio desa organización, deberan estar por riba de actitudes delatorias propias do pasado máis aberrante e solventar con intelixencia, altura e sobre todo sentido común, calquer interferencia sobre normal convicencia académica, mais aínda tratándose  dun mozo menor de idade cuxo único “delicto” é ser novo, idealista e activo socialmente, características que, en todo caso, deberán ser postas en valor nesta coxuntura social na que constantemente nos alertamos canto ao desapego da mocidade das cuestións sociais e comunitarias.

A vida pública, a vida escolar, o día a día de mozos e mozas non pode verse alterado polas denuncias de grupos, lexítimos na súa constitución, mais minoritarios, residuais, que en modo algún representan o sentir maioritario da cidadanía. Grupúsculos que ademáis, semella, andan a utilizar técnicas propias de sociedades totalitarias e ailladas, donde “os bos cidadáns” deixan caer denuncias anónimas coa certeza de que pronto serán atendidas pola inquisición. 

Dende o Colectivo Opaii!–Rádio FilispiM, facemos un chamado urxente ao conxunto da Comunidade Educativa do IES de Breamo, a equipa Directiva do centro e a Inspección Educativa a non constituirse na nova "inquisición" e a ARQUIVAR DEFINITIVAMENTE o inxusto expediente aberto a Carlos. Convidámolos a analisar o papel de cada quen neste “rebumbio”. Convidámolos a reflexionar, dende unha posición de altura, coma profesionais do Ensino público que son, sobre o que está a acontecer. Estamos convencidas de que así o farán. Polo contra, estariamos ante a re-instalación do medo nos centros de ensino públicos que se presupoñen cheos de vida, de mozos e mozas en periodo de formación con inquedanzas e pensamentos diversos, como parte da sociedade democrática mesma.


Ferrol, 02 de xuño de 2014.
O Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM

08 dezembro, 2012

Rádio FilispiM resucita a súa programación, tralo infarto.

 Continuidade RADIT
Semella de ultramundo, mais é cuestión de filispinianos. Hai unhas semanas un lóstrego provocou un infarto no software de continuidade KJABATA que utilizabamos dende o inicio das nosas emisións, en agosto de 2005. Por fin, logo de probar con diversas alternativas, localizamos o seu substituto: o RADIT. Así que xa temos a primeira resurreción filispiniana, recoñecida polo Santo Dipolo ;).

Recuperarmos a nosa programación normalizada. Dende xa, na libre e comunitária Rádio FilsipiM, escoitarás a programación 2012/2013, tal cual foi concebida no mes de setembro. Podes consultar todos os programas na imaxe da grelha ou mesmo ao pé deste blog. Na mesma imaxe, facendo clic nos programas terás informazón ampliada dos mesmos.

As principal novidade na programación 2012/2013 é a ordenación da grelha en franxas: programas de contidos xerais, programas especializados en música, informativos, o que che fará máis sinxelo identificar cando podes escoitar un ou outro contiúdo.

Canto as melloras técnicas, ademáis do novo software de continuidade, logramos un son de mellor cualidade trala adquisión dun novo computador.

Canto ao streaming, estamos tentando incorporalo no mellor tempo posíbel. Cuestións que aínda non logramos dominar [como pode ser isto? ;), o impiden por agora.  Xa temos streaming!!                    -> http://giss.tv:8000/radiofilispim.ogg

Finalizamos cun recordo especial ao vello software KJABATA, que durante tantos anos nos acompañou na FilispiM. Mágoa que non tivera evoluido, todo un clásico. Afortunadamente, podemos seguir disfrutando dun sofware de continuidade igualmente para GNU/Linux, cuestión que para nós era moi importante, por principios: o RADIT.

+ info sobre o RADIT:

13 novembro, 2012

Rádio FilispiM se suma a XORNADA DE LUITA XERAL do 14-N

Este 14-N o Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM, se suma dende as ondas e a rúa a XORNADA EUROPEA DE LUITA XERAL.

Dende as 9:00 da manhá, o dial de Rádio FilispiM, 93.9 FM, redifundirá o PROGRAMA ESPECIAL que se realizará desde a radio comunitária de A Corunha, CUAC FM.

Xa na tarde, a partir das 18:00 h., Rádio FilispiM, 93.9 FM realizará un PROGRAMA ESPECIAL dende o seu estudio en Caranza, continuando a cubrir a XORNADA DE LUITA e AVALIANDO O ACONTECIDO ATÉ ESE MOMENTO, en Ferrol-Terra.

Desta maneria Rádio FilispiM, dará cobertura informativa da XORNADA DA LUITA do 14-N, dende primeira hora da manhá e até entrada a noite, coa colaboración de Cuac FM.

FilispiM, na rúa.
Moitos dos integrantes do Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM estarán nas rúas da nosa comarca, participando nos piquetes, dando cobertura informativa, con toma de sonido e recompilando datos que servirán de apoio ao programa especial da tarde, en Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Participa no programa especial.
Agardamos as túas chamadas, a partir das 18:00 h, para darnos a túa opinión do acontecido ou fazer de correspondente. Chámanos teléfono de directo:  981.37.10.40

26 setembro, 2012

Interrompidas as emisóns de Rádio FilispiM por avaría no computador de continuidade.


UNHA AVARÍA NO COMPUTADOR DE CONTINUIDADE DE RÁDIO FILISPIM, INTERROMPEU AS NOSAS EMISIÓNS EN FM e VÍA STREAMING. 

AGARDAMOS SOLVENTAR ESTE PROBLEMA TÉCNICO O ANTES POSÍBEL. GRAZAS POLA VOSA ATENCIÓN.

IGUALMENTE QUEDA SUSPENDIDA, ATÉ NOVO AVISO, A SESIÓN VERMÚ PRESENTACIÓN DA NOVA GRELHA, PREVISTA PARA ESTE SÁBADO 29 DE SETEMBRO.

12 agosto, 2012

Comunicado do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM, tras coñecerse os plans de última hora da corporación "popular" do Concello de Ferrol co Ateneo Ferrolán.



Comunicado do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM, tras coñecerse os plans, de última hora, da corporación "popular" do Concello de Ferrol co Ateneo Ferrolán.


O Colectivo Opaii!! celebrou a súa asemblea aberta e constitutiva no Ateneo Ferrolán un 28 de novembro de 2003. As persoas promotoras coincidiron en elixir este espazo para presentar a iniciativa e chamar á participación de quen estiver interesado, por ser o Ateneo un contedor de iniciativas culturais e creativas sinceiras, non aparecidas de súpeto tras dunha subvención ou mesmo oportunistas.

O proxecto de creación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol, pese a ter antecedentes noutras cidades do noso país, resultaba daquela chamativo, revolucionario nun contexto tan peculiar coma o ferrolán. Pese aos inconvenientes que se presentaban o Ateneo deixounos facer, facilitándonos un espazo, para que nel debatíramos, chegásemos a acordos e “conspiráramos” por un medio de comunicación de características moi diferentes as que operaban na nosa Comarca até daquela.

Como é coñecido, conqueridos os obxectivos, en agosto do ano 2005 comeza a emitir Rádio FilispiM dende o propio Ateneo Ferrolán, emisións que continuaron até o inicio da rehabilitación do Ateneo, cando marchamos por imposibilidade técnica de continuar os programas con normalidade. Dende aquel pequeno, pero digno estudio de radio no Ateneo, produciron programas de radio persoas e colectivos ben diversos. 

Nun Estado español atrasado canto o desenvolvimento do Dereito a Comunicación, cunha Lei Xeral Audiovisual do ano 2010 que por vez primeira recoñece a existenza de medios de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro do terceiro sector [Art. 32], pero que non acaba de ser desenvolvida, cando no resto de Europa o recoñecemento legal dos medios libres e comunitarios vén de hai 25 anos, sen esquecer a normalización destes medios en moitos países de América Latina, parecéunos dunha grande xenerosidade que o Ateneo nos deixase facer como fixemos, sen nengún tipo de intervención, alarma ou nen censura ao que nos plantexabamos.

Naquel tempo de relación co Ateneo Ferrolán só puidemos ver apertura de portas e apoio a nosa iniciativa, sen censura e intromisión algunha, así como a outras que se plantexaban. Por tanto, o Ateneo é un referente da iniciativa cultural comarcal, libre e transformadora. Da Cultura con maísculas. O Ateneo Ferrolán é, sen dúbida, tradición pero tambén parte da vangarda cultural, non só da nosa cidade senón do país e do Estado. A Cultura que no Ateneo se produce nace viva... cecais isto sexa un problema.

Por todo o exposto, o Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM quere denunciar, a través deste comunicado, a intromisión, formas e ceguera da actual Corporación “popular” do Concello de Ferrol, canto a organización e nova denominación que quere darse ao edificio do Ateneo Ferrolán, máis aínda cando a remodelación que se está a levar a cabo é grazas ao esforzo da súa Directiva e do persoal que está a desempeñar funcións nel, que, durante  anos e con grande persistencia e paciencia, lograron das diferentes Admóns. os fondos necesarios para manter o vello edificio en óptimas condicións, co fin de seguir a ser unha referencia a emular, fomentar e valorizar e non a complicar e tentar destruir con artimañas propias de tempos ben escuros.

Asemblea do Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM
Ferrol, 7 de agosto de 2012

Podes sumarte aos apoios ao Ateneo en: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2012/08/loading.html

16 junho, 2012

XII Sesión Vermú do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM, fin de grelha 2011/2012

XII SESIÓN VERMÚ do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM.

O vindeiro sábado 16 de xuño o Colectivo Opaií! – Rádio FilispiM, levará a cabo a súa XII Sesión Vermúdende as 12:00 até as 15:00h, na traseira do Mercado de Caranza en Ferrol.

Como xa é tradicional, durante a XII Sesión Vermú deste sábado, se emitirá un programa de radio especial, coas voces de todos os programas desta grella  e a actuación do grupo folc da comarca Alén de Ancos, que participará na vindeira edición do Festival de Ortigueira. Non faltarán os clásicos petiscos filispinianos para acompañar o delicioso vermú, e mesmo a  presentación das novas camisolas de Rádio FilispiM.

Durante o programa especial, os 22 programas de produzón propia que se emitiron na grella 2011/2012, avaliarán como ten sido o curso radiofónico, que agora remata.

Outros 15 programas de produzón allea, [podcast independentes ou mesmo doutras radios libres de Galiza, do Estado e do mundo, ademáis dos contrainformativos  Más Voces e Democracy Now]completaron a programación da radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Caranza. Así, máis de 37 espazos radiofónicos diferentes se emitiron semalmente na grella 2011/2012 de Rádio FilispiM.

Canto a produzón propia, a programas xa consolidados coma "Diagnóstico Positivo", "O Recuncho", "Divertimento para pequenos monstros", "Atenta!", "Sin Fronteras", "O Souto", "Chocolate por la noticia",  "Leña Dura DF", "Caleidoscopio", "Aquilo que vibra", ou "O Programa do Colectivo Opaíí!", sumáronse outros novos, até completar un total de 22 programas de produzón propia: "Música, surf y medioambiente", "En Tránsito", "Ferrolterrap", "A Fábrica da Luz", "La Hora de la Almádena", "O Pinchacarneiro", "Sonido Emergente" ou "Harmónicos nas Ondas".

As temáticas dos programas de produzón propia foron ben diversas: medio ambiente, surf, músicas alternativas, saúde, SIDA, contrainformación, literatura xuveníl, permacultura, inmigración, feminismo... A implicación coa Rádio FilispiM,  dos colectivos da comarca e persoas radio-apaixoadas da comunicación libre e comunitaria, ten crecido exponencialmente nesta grella. 

Por outra banda, o Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM, contou esta grella coas súas primeiras e propias Aulas de Formación en Técnicas de Rádio-difusión básicas, co fin de mellorar a cualidade dos espazos radiofónicos que se emiten.

Rádio FilispiM, é unha radio do Terceiro Sector da Comunicación autoxestionada, sen ánimo de lucro e que non emite ningún tipo de publicidade, e que transmite dende agosto de 2005 para a nosa Comarca no 93.9 FM e para todo o mundo vía streamingen: http://giss.tv:8000/radiofilispim.ogg
Grazas pola difusión; ficades convidadas a un Vermú!                      
Evento no facebook, comparte!          

05 abril, 2012

Este xoves 5 de abril, XI SESIÓN VERMÚ [especial CHURRASCADA!].

XI SESIÓN VERMÚ Colectivo Opaii! - Rádio FilispiM [Especial CHURRASCADA!!!]
Cuaresma?. Unha m....!. Vén tomar unha boa churrascada!!! 
Este xoves "santo", a partir das 12:30 h. do mediodía, na traseira do mercado de Caranza [Ferrol].
Música en vivo, radio en directo e CHURRASCO a discreción!!!. Prezos populares.
Colabora na autoxestión e nutrición da radio libre e comunitaria que emite dende Ferrol.
Argalla: Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM, 93.9 FM
Pá-sa-oh!!!
Ir a descargar

01 janeiro, 2012

Rádio FilispiM, volve respirar na FM. Sintoniza!!! 93.9 FM


SOLVENTÁRONSE OS PROBLEMAS TÉCNICOS QUE IMPEDÍAN A NORMAL TRANSMISIÓN POR FM da libre e comunitaria, Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Como sabedes na "Noite Boa" deixaron de funcionar os ventiladores do Emisor, polo que o aparato deixou de funcionar ao se activar o sistema de protección que posúe.

Na manhá de hoxe venres 30 de decembro, unha pequena intervención quirúrxica permitíu dar un novo "ár" aos noso humilde pero estupendo equipo técnico.

LARGA VIDA AO EMISOR DE FILISPIM e que todos os problemas sexan deste tipo. SAÚDE!

A DESALAMBRAR E A SINTONIZAR!!!

Rádio FilispiM, 93.9 FM [non nos para nin dEUS!]

26 dezembro, 2011

Pausa da emisión en FM de Rádio FilispiM, mais seguimos en streaming.

Por motivos técnicos, Radio FilispiM non está dispoñible actualmente no dial 93.9 FM. Esperamos solventar ditos problemas nun breve espazo de tempo.

Polo tanto, o Colectivo OPAII descúlpase convosco, máis tamén manda a tranquilizadora mensaxe de que non está a ocorrer nada "anormal", simplemente a radio non funciona temporalmente a causa dunha avaría técnica.

Como sempre podedes seguir a nosa sintonía ao través do streaming no reprodutor que atoparás na marxe dereita deste blogue ou mesmo en  http://giss.tv:8000/radiofilispim.ogg

29 setembro, 2011

X Sesión Vermú do Colectivo Opaíí!! - Rádio FilispiM, presentación da súa sétima grella.



O vindeiro sábado 1 de outubro de 2011 a partir das 12:00 h. do mediodía, o Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM, argalla a súa X [décima] Sesión Vermú. Vai ser no local anexo ao seu estudio, na traseira do Mercado de Caranza.

No transcurso da mesma apresentarase a grella radiofónica 2011/2012 da radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Ferrol, no seu xa sétimo curso radiofónico.

As persoas responsábeis dos programas de produzón propia apresentarán as súas propostas, as que se sumarán as novas incorporacións a grella da radio, dentre delas un programa de literatura, "Literalmente", e outro de música hip-hop, "Ferrolterrap".

Como é habitual a sesión vermú "filispina" estará amenizada por música. Nesta ocasión contamos coa colaboración desinteresada dos grupos locais: Quant e Die Tsunami.

Haberá petiscos, cervexa e, claro, vermú. Como a radio é autoxestionada, quen quixer colaborar no seu sostemento, poderá mercar camisolas co logo da radio e redondas chapas.

Un programa de radio en directo servirá para rexistrar e difundir a toda a comarca a nova grella da Rádio FilispiM, ao través do 93.9 FM e como novidade, tamén para o mundo en directo ao través do streaming, activando o reprodutor que se atopa neste blogue na parte superior dereita.

Máis info en: http://opaii.blogspot.com/2011/09/radio-filispim-comeza-sua-setima-grella.html


Descargar a cunha de radio

11 setembro, 2011

Rádio FilispiM comeza a súa sétima grella radiofónica dende o 93.9 FM

   Rádio FilispiM comeza a súa sétima grella radiofónica dende o 93.9 FM
O sétimo curso radiofónico, 2011/2012, de Rádio FilispiM, radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Ferrol, está a piques de comezar.

Rádio FilispiM
é a principal actividade do Colectivo Opaíí! [Ondas Para Activación Información Independente], unha radio sen ánimo de lucro, autoxestionada, sen patrocinadores, que non emite publicidade, enmarcada no terceiro sector da comunicación: a cidadanía. Esta radio está integrada nas redes ReGARLIC [Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias] e na estatal ReMC [Rede Estatal de Medios Comunitarios].

Como achegarse ao Colectivo Opaii! - Rádio FilispiM, 93.9 FM
           Consulta o apartado Quen Somos? no noso blogue [http://opaii.blogspot.com]. Se pensas que
           podes aportar colaboración desinteresada á radio libre e comunitaria da nosa comarca,non dubides
           en escribirnos ao noso correio electrónico [filispina@gmail.com].

Sesión Vermú.
O vindeiro  sábado 1 de outubro realizaremos unha nova Sesión Vermú, presentando a nova grella de Rádio FilispiM, coa emisión dun programa en directo e coa actuación dun grupo ou solista da comarca, aínda por confirmar.

En Rede.
Este novo curso radiofónico, o colectivo re-editará a colaboración con outras radios de Galiza, Estado e resto do mundo, ao través da difusión de variadas propostas radiofónicas [informativas, musicais...]. Verbo da emisión de programas doutras radios libres e comunitaras galegas [ReGARLIC], continúan a súa emisión en Rádio FilispiM: 
  • PLÁSTICO ELÁSTICO [Rádio Kalimera - Compostela]
  • MOITO DE AKI [Rádio Piratona -Vigo]
  • FOLK IN TRÍO [Cuac FM - Coruña]
Produzón propia.
           Moitas das persoas integrantes de Rádio FilispiM, darán continuidade as súas propostas              
           radiofónicas nesta nova grella:
    • CHOCOLATE POR LA NOTICIA
    • AQUILO QUE VIBRA
    • DIVERTIMENTO PARA PEQUENOS MONSTROS
    • 80 VINILOS/H
    • LEÑA DURA
    • SIN FRONTERAS
    • ATENTA!
    • CALEIDOSCOPIO
    • O PROGRAMA DO COLECTIVO OPAíí!!
  • En canto a novas propostas radiofónicas de produzón propia, están confirmadas:
    • OFF MENTAL [músicas non habituais]
    • EN TRÁNSITO [culturas]
  • Ademáis, como rádio comunitaria que somos, anunciamos a continuidade na nosa onda das propostas producidas por diversas Asociacións e Colectivos de Ferrol e Comarca, coma: 
    • O RECUNCHO [Fuco Buxán]
    • O SOUTO [ADEGA-Trasancos]
    • DIAGNÓSTICO POSITIVO [Comite Anti-SIDA LAZOS]
    • O PINCHACARNEIRO [ASFEDRO]
    • DÁLLE QUE DÁLLE NAS ONDAS [Colexio Rural de Lago-Valdoviño]

24 setembro, 2010

Rádio FilispiM, abre o prazo presentación de propostas radiofónicas para o curso 2010/2011.

Nota de prensa COLECTIVO OPAíí!- Rádio FilispiM, 93.9 FM

Un ano máis, Rádio FilispiM oferece o seu estudio de radio aos diferentes colectivos e persoas da comarca, para realizaren un programa de radio.
Aqueles interesad@s deberán enviar as propostas radiofónicas [a máior brevidade e o máis detallada posíbel] ao enderezo: filispina@gmail.com

No apartado “Quen Somos?” deste blogue do Colectivo Opaíí!–Rádio FilispiM, , atoparás toda a información relativa a nós, unha radio libre e comunitaria [terceiro sector da comunicación] que vén de cumprir un lustro de emisións e pola que teñen pasado dúcias de persoas e colectivos radioapaixoados da nosa comarca.

O pistoletazo de saída da nova configuración da grella 2010/2011 de Rádio FilispiM, que contará cunha chea de novidades e surpresas, será o vindeiro o luns 4 de outubro.

Por outra banda, informamos que Rádio FilispiM, 93.9 FM, realizará un programa especial seguimento da Folga Xeral en Ferrol e comarca o vindeiro mércores 29 de setembro.

Ferrol, 24 de setembro de 2010.
Colectivo Opaíí! – Rádio FilispiM, 93.9 FM.

21 setembro, 2010

Probas son Rádio FilispiM e axuste equipas técnicas, nova ubicación do estudio en Caranza [Ferrol] 17/09/2010


Documento sonoro histórico que ten que ver co acontecido durante as probas de emisión e son de Rádio FilispiM, logo do traslado ao novo local en Caranza [Ferrol].

O audio ten capítulos emocionantes, outros alucinantes, surreais e incluso delirantes. Sempre con bon humor e comezando por rirnos de nos mesm@s, como ten que ser.

Lembra que podes comentarnos neste blogue como se escoita a nosa sintonía dende o cambio que fixemos do noso "centro emisor" [Caranza]. Inda que todo indica que a nosa sintonía agora chega moito mellor aos diversos bairros trasanqueses, queremos completar ese mapa filispiniano.

Rádio FilispiM, 93.9 FM. Sen dúbida, non há cosa igual no dial.


Descargar o audio
Related Posts with Thumbnails