Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

23 março, 2016

A historia do Conspirando por unha radio libre, da I á VI edición - Divertimento (26/03/2009, Rádio FilispiM)

Imaxe do VI Conspirando, 9/4/2009. Praza Inferniño, Ferrol
(26/03/09 - resubida) A piques de celebrar a VIII edición do Conspirando (xoves 24/03/2016), recuperamos esta gravación de Divertimento para pequenos monstros dende o estudo "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán, na que faciamos un repaso das edicións do festival Conspirando por unha radio libre que se realizaran dende o ano 2004 até o 2009, ou o que é o mesmo: dende a primeira até a sexta edición.

A historia do Conspirando por unha Radio Libre.

Na última edición de Divertimento, co gallo da inminencia da particular penitencia ferrolá, fazemos un resumo a vista de paxaro de todas e cada unha das edicións do Conspirando por unha radio libre, lembrando os grupos que participaron, o lugar onde se celebraron e as datas.

O vindeiro xoves (insano) 9 de abril de 2009 volvemos conspirar, nun festival que cada ano medra en interés e alternativa na semana onde puidera parecer que tod@s os ferrolás comungan con rodas de múiño. Mais non. Este ano, ademáis da II edición da Feira de Colectivos, haberá chourizada e remataremos de conspirar coas actuacións de tres grupazos: Sacha na Horta (Compostela), Roger de Flor (Fene) e Retobato (Ferrol).

A idea do Conspirando nace da necesidade de darlle publicidade á creación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol (Trasancos) e conquerir cartos para a merca dos equipamentos técnicos, sen axudas externas que condicionaran a nosa independencia coma medio (nen cartos das institucións, nen cartos de empresas). Coa entrada ao Conspirando de 3€ púñase a venda diverso material editado polo colectivo: camisolas, chapas, autocolantes, cedés compilatorios de grupos locais... Xa no 2008 o festival crece en organización e infraestrutura é pasa a ser de balde e ao ar libre, baixo unha inmensa carpa na Praza do Inferniño de Ferrol  (o Inferno).

Unha anédota do festival é que entre as propostas para darlle nome estivo "Contaminando por unha radio libre", mais a asemblea decidiuse pola variante "Conspirando", xa que cadraba mellor canto as nosas intencións, "conspirar". Outra das anédotas, a segunda edición estivo a piques de celebrarse fóra de xoves "insano". Así, prevista para o 25 de xuño de 2004 (logo do éxito da primeira edición) dias antes do festival cando xa estaba todo preparado, @s integrantes do Colectivo Opaii! se atopan cunha chea de cartazes de cor fosforita pegados por todo Ferrol que anuncian unha "festa universitaria" o mesmo día, hora e no mesmo sitio que tiñan previsto para o II Conspirando, a West Saloon. Logo dun mosqueo monumental cos (i)rresponsábeis da sá da Estación de Ferrocarril de Ferrol, tiveron que pospoñer o evento. Aquela noite ficou alcumada para a historia filispiniana como "A noite dos cartazes fosforitos". Finalmente, a segunda edición se celebraría na Fundaçom Artábria.

Esta é a cronoloxía do Conspirando, dende a súa creación no 2004, cando a Rádio FilispiM tan só emitía nos nosos maxíns, até o ano no que se realiza este especial Divertimento, 2009:


Cronoloxía do Conspirando por unha radio libre do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM

8 de abril de 2004: I Conspirando por unha radio libre – Estación Ferrocarril (Ferrol). Músicos: Miguel Alonso, Window Pane, Funky Brewster, Loom, Oscar Fernandez Sanjurjo, IV Guerra Mundial.

26 de marzo de 2005: II Conspirando por unha radio libre – Fundaçom Artábria (Esteiro-Ferrol). Músicos: Vladi, Misquious, Kobe.

13 de abril de 2006: III Conspirando por unha radio libre – Local Social de San Carlos (Esteiro-Ferrol), Músicos: Strutter, IV Guerra Mundial, Sociedade Protectora del Hombre Mono (Cristobal Veiga + Rogelio Arias) coa colaboración de Boy Elliot, Os tres Trebóns e o Vendaval do Roxal (A Corunha).

5 de abril de 2007: IV Conspirando por unha radio libre – DZINE (San Sadurniño). Músicos: La Sentina, Os Chiquilicuatres (Ribeira), ex Lamatumbás (hoxe O Sonoro Maxín, Ourense).

20 de marzo de 2008: V Conspirando por unha radio libre (Praza do Inferniño-Ferrol, baixo carpa). Müsicos: Dakidarría (Nigrán), The Sweat, Ta´Crack, 1º Feira de Colectivos.

9 de abril de 2009: VI Conspirando por unha radio libre (Praza do Inferniño-Ferrol, baixo carpa). Músicos: Retobato (Trasancos), Roge de Flor (Trasancos), Sacha na Horta (Compostela), 2º Feira de Colectivos.

---
Nun futuro Divertimento faremos un repaso polas seguintes edicións do Conspirando retomadas no ano 2015 (tras un parón de cinco anos), cadrando co 10 aniversario das emisións de Rádio FilispiM, cando unha nova xeración de filispinia@s, e outros que retornan, collen o testigo e volven activalo pasando a ser o espazo elixido para a súa celebración (nas súa VII e VIII edición), unha sá comercial de concertos cos seus propios medios técnicos, característica que simplifica a súa realización sen perder o seu obxectivo orixinal: acadar autofinanciamento con achegas da comunidade e colectivos afíns.

Documentación e condución: Pequeno Monstro.
Sintonizamos... (26/03/2009)

Nenhum comentário:

Related Posts with Thumbnails