Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

09 dezembro, 2017

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 3. luns 23 de outubro de 2017

Abriuse esta emisión escoitando o 1º movemento da Sinfonía nº 2  Nas montañas de Galicia  do compositor Andrés Gaos. 

Música que, unha vez presentados os convidados Roberto Taboada, Camilo Casal e Paulino Gasalla, serviu para abrir os novos obradoiros de medio ambiente e historia. 

Roberto Taboada falou das novas da Asociación Veciñal de Canido, 
Pasouse logo a debater entre os presentes a situación pasada a semana anterior, cando o lume arrasou 35.000 hectáreas dos montes galegos.

Camilo Casal continúa o obradoiro medioambiental. Respostas a moitas preguntas sobre un tema tan actual como é o cambio climático, causas e consecuencias.

Paulino Gasalla dende o Obradoiro de historia, achegounos a figura de Alejandro Porto Leis e todo o laborioso proceso de investigación arredor do que foi último Alcalde Democrático do Concello de Serantes. Traballo de investigación que deu como resultado un documental, O segredo da Frouxeira, e un libro Alejandro Porto Leis. Un Alcalde para o pobo en tempos escuros, editado pola ASC Muíño do Vento.

Remate da emisión escoitando o poema Ergueremos a Espranza de Celso E. Ferreiro  na voz de Suso Vaamonde.

 

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa Nº 2. Luns 9 de outubro de 2017

Programación arredor do Urbanismo que contou coa presencia de Roberto Taboada, presidente da Asociación Veciñal de Canido, María Fernández Lemos, Concelleira de Urbanismo en Ferrol, Juan Ares Gondell, enxeñeiro Industrial de Urbanismo no Concello de Ferrol e Andrés Santalla, profesor do IES Canido e coñecedor e divulgador da figura de Tonucci. Presenta Roberto Taboada as novas actividades que se están a realizar na Asociación Veciñal e pásase ao debate sobre Urbanismo.

Dende unha visión das novas tendencias no urbanismo universal, pasando polo urbanismo en Galicia e Ferrol, ata chegarmos ao debate arredor do urbanismo no barrio de Canido. Da necesidade de achegar o urbanismo as novas tendencias internacionais, de aplicar en Galicia as medidas necesarias para a corrección de desfeitas urbanísticas, das apostas sobre un urbanismo ferrolán que sen esmorecer no pasado teime por un urbanismo do noso século, ata as propostas para o barrio de Canido (comunicación que permita mobilidade e encontro do barrio co Centro, posibles aparcadoiros, Casa Chalé, Antiga Residencia, Centro Cívico, Rúa Celso Emilio, Novo Parque Antón Varela…). Necesidades dun Barrio que necesita dun novo Plan Urbanístico continuador do Urban.

Presentación do Camiños Escolares e a necesidade de incluír esta proposta nunha nova visión urbanística centrada nunha Cidade para os Nenos.

Na Rúa do Silenzo, Alalá das Mariñas, Os meninos de Huambo (con recitado de Magdalena, alumna do IES Canido) formaron o acompañamento musical deste programa.



08 dezembro, 2017

UNHA TARDE NO MUÍÑO

Programa nº 1. luns 25 de setembro de 2017


Primeiro programa que tiña como obxectivo fundamental a presentación da ASC. MUÍÑO DO VENTO e explicar as razóns desta nosa presencia en Radio Filispím.

Contamos para elo coa asistencia no estudio da presidenta, Carmen Cuesta e dos vogais Rafael Rodríguez e Roberto Taboada. Presentou César Pita e na parte técnica estiveron Pepa Evia, María Xosé Ballesteros, e supervisión e apadriñamento de Fran.

Pequena introdución musical, O barco vai de saída, e pasouse ao debate entre os asistentes sobre a necesidade de lograr outra información que vaia máis aló da que acotío nos dan os medios convencionais. Chégase a conclusión da necesidade de estar sempre naqueles medios informativos libres, colaborando e prestando canta axuda sexa necesaria. Outra información é posible e agora mesmo imprescindible.

Preséntanse as programacións de Muíño do Vento e coas raíces na Terra, inxírense estas programacións no barrio de Canido.

ASC MUÍÑO DO VENTO agradece a Radio Filispín esta posibilidade de espallar as súas programacións  dende o seu dial (93.9)  e expresa os seus desexos de longa vida á Radio Libre e Comunitaria da Terra de Trasancos.

Pechamos debate, pechamos portas e xanelas do Muíño e despedímonos con Fausto e a súa proposta de.... Navegar, navegar

Related Posts with Thumbnails