Hoxe en Divertimento para Pequenos Monstros, recuperamos o primeiro de varios audios no que entrevistamos aFran del Buey, un dos integrantes da asembleia da por entónCasa Encantada de Compostela, audio que co paso dos anos ten pasado a ser un documento.
Por entón, Divertimento, emitíase na lexendaria radio municipal Rádio Fene (hoxe Radio Fusión) radio senlleira dentro das municipais da Galiza. De feito Divertimento naceu en Rádio Fene, se ben é certo que tambén pasou polas ondas da ferrolá Radio Kaos, universitaria da que algún día falaremos nun especial que se podería titular "como ser universitario, cargarse unha radio universitaria e non morrer no intento".
No vindeiro Divertimento daremos continuidade a este especial aos centros autoxestionados daqueles primeiros noventa no noso país, con novas entrevistas a integrantes daCasa Encantada de Compostela, a membros da lexendaria Casa Okupa da Ría en Oleiros (A Coruña) ou mesmo do Centro Social Mil Luas en A Coruña.
Hoxe en día, todos estes centros sociais autoxestionados non existen, mais forman parte da historia e a experiencia daqueles pionerios e que hoxe queremos compartillar con todos vós.
Milleiros de persoas chegadas de toda Galiza convertiron a praza da Quintana nun escenario dende o que se clamou pola vida. A vida dos nosos mares e da nosa terra. A vida da nosa xente, dos coetáneos e dos vindeiros. Un berro que advirte aos gobernantes que non hai diñeiro suficiente para mercar o mellor patrimonio dos galegos. Descargar o arquivo mp3
Entrevista à Rede Galiza Non Se Vende [Ferrol] Alexandre Carrodeguas 12-02-09 Descargar a 1ª parte
Entrevista à Rede Galiza Non Se Vende [Ferrol] Alexandre Carrodeguas 12-02-09 Descargar a 2ª parte
A Rede Galiza non se Vendenacía en novembro de 2007, da man dunha "perigosa" agrupazón de máis de sesenta colectivos ecoloxistas, sociais e da veciñanza de todo o país galego.
O pasado 12 de febreiro de 2009, tivemos no programa deRádio Filispim, Divertimento para pequenos monstros a Alexandre Carrodeguas, integrante da Rede Galiza non se vende e mais do Comité de Emerxencia para a Ría de Ferrol, quen nos conta o porque desta nova convocatoria e nos pon día do contencioso da cidadanía ferrolá cos poderes e intereses que manteñen activa a planta de Gas de Reganosa en plena ría de Ferrol, a 900 metros de una base militar naval e a pouco máis de 1000 metros dun nucleo de máis de 100.000 habitantes, pese a que existe un novo porto exterior na ría.
Por si todo isto for pouco convincente, a entrada da ría de Ferrol é tan fermosa como estreita o que só permite a entrada dos gaseiros na pleamar de día e coa axuda de remolcadores. No suposto de que houber un accidente, un gaseiro, non podería sair da ría polos seus propios medios e de atoparse coa baixamar tería que ficar no meio dela. Por certo, a pleamar diurna únicamente deixa unha hora escasa ao día para saír e sempre coa axuda dos remolcadores.
Pese a todo o goberno da anterior Xunta de Galiza (PP) e do actual combo dinámico (PSOE/BNG) a cualifican coma de "estratéxica para Galicia". O certo é que detrás desta desafortunada e caprichosa ubicación da Reganosa atópanse elementos de conveniencia empresarial que engaden a este asunto unha banda sonora de fétidas melodías. Aquí atoparás audios producidos polaRádio FilispiM, verbo da manifestació contra a Reganosa argallada polo Comité de Emerxencia o pasado 8 de xuño de 2008.
Ademáis destas explosivas cuestións, no último Divertimento, lembrámonos do cansautor ferrolán (Madrid) Andrés Suárez e das súas cancións, que por suposto destrozamos inmisericordemente nun acto certamente monstroso. I e que Divertimento para pequenos monstros non se vende.
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa máis enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas súas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar este obsoleto, inxusto e insustentabel modelo económico e social.
Porque outro xeito de facer é posibel, a cidadanía galega sairá á rúa, xunta (e revolta), o dia 15 de febreiro nunha grande Manifestación Nacional en Compostela, que partirá ás 12 da mañá da Alameda, baixo o lema:
GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada.
Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: Esquecemento interesado das persoas máis necesitadas economicamente, marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, caos eólico, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, depredador e insostíbel; urbanismo salvaxe, deterioro dos núcleos históricos das vilas, especulación xeralizada, macroáreas metropolitanas engulidoras e centralizadoras do territorio, extinción programada da agricultura e da pesca artesanal, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio cultural, especialmente do arqueolóxico…
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos as nosas ganas de vivir e de recuperar e potenciar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso artellamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos e conscientes, ante a incapacidade e covardía duns gobernantes que renuncian a deter esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra sen necesidade de esmagar ao resto do mundo e ás xeracións futuras.
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos baleiran de contido as palabras, mentres agochan detrás actuacións cheas de parcialidade.
Por todo isto é necesaria a presenza de todas e todos o domingo 15 en Compostela, na Alameda ás 12:00 do mediodía.