Hai cuestións que van máis aló dos usos e costumes de entidades privadas coma o Casino Ferrolano e até do recollido nos seus Estatutos. Así o considera a asociación BBTTA de Narón, que estes dias recibiu unha denuncia dunha familia afectada pola prohibición do Presidente do Casino de amamantar a un bebé nun recuncho da coñecida coma "pecera". Como resposta, nun acertado comunicado, BBTTA convida ao seu Presidente a permitir a impartición dunhas xornadas sobre lactancia dentro do Casino, organizadas pola propia asociación de fomento da lactancia. Ditas xornadas estarían dirixidas á Directiva da entidade, socias e socios e calquer interesado en xeral. Según puido saber a redacción dos informativos de Rádio FilsipiM, ao non se ter dado resposta ao oferecemento de BBTTA, esta vén de reiteralo cun segundo comunicado que transcribimos deseguido:
"Boas tardes. Dende a asociación BBTTA dirixímonos a vostede para facerlle saber que, todo o incidente acontecido causou un gran malestar na comunidade de nais lactantes de Ferrolterra.
Varios días despois do sucedido todavía non obtivemos ningunha resposta pola súa parte. Nin disculpas públicas á familia, nin unha explicación aclaratoria de todo o sucedido, nin unha resposta ó comunicado que emitimos dende a nosa asociación.
Polo tanto, pedímoslle que nos conteste dalgún xeito, afirmativa ou negativamente, á nosa proposta, na que plantexamos unha sinxela charla de información sobre lactación materna nas súas instalacións.
Un saúdo.
BBTTA Narón" (luns, 14 de outubro de 2013)
O certo é que son moitas xa as voces que, nas redes sociais, reclaman coma resposta ao silencio unha tetada masiva no exterior da particular sociedade ferrolá, fronte a "pecera".
Redacción Informativos Rádio FilispiM.
Nenhum comentário:
Postar um comentário