Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

05 janeiro, 2015

Datas e fitos importantes na constitución do Colectivo Opaii! - Rádio FilispiM

Recortes da prensa local do periodo constituinte do Colectivo Opaii! - Rádio FilispiM

Datas e fitos importantes na historia fundacional do Coletivo Opaii!-Rádio FilispiM.

Setembro de 2003. Persoas da comarca de Trasancos, diversas, que até daquela non tiñan tido contacto persoal (outras sí,  pois procedían da recén "desaparecida" Radio Kaos de Ferrol) comezan a "conspirar" en foros de internet a activación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol.

Setembro/outubro/novembro de 2003. O grupo promotor convoca diversas asembleas preparatorias e definitorias das liñas do xerais do proxecto de creación dunha radio libre e comunitaria en Trasancos. Así,  o 20 de novembro de 2003 celebrouse a primeira desta asembleas no bar Manchita Cosa (R/Madalena, Ferrol), que daquela levaban Suso e Narsés. A elección da data non foi casual, sería o 20-N "filispiniano". Naqueles meses "o Manchita" tamén acollería algunhas das primeiras e memorábeis actividades para recadar os primeiros fondos filispinianos: unha estupenda cea vegana e, posteriormente, algunha sesión de música e pinchas, coma aquela mítica festa de defuntos onde nos propuxemos "resucitar a Comarca de Ferrol" nunha noite.

De volta a aquelas primeiras asembleas "clandestinas", tiveron un carácter rotativo entre diversos locais, cun obxectivo: non identificar o proxecto con ningún deles en concreto, tan só termos un espazo donde "conspirar" por unha radio libre na comarca de Trasancos. Tratábase de locais de ocio dos que gostabamos, coma a Fundaçom Artábria (que daquela tiña un estupendo local na R/Magdalena), o Clube de Montaña en Canido e, claro, o Ateneo Ferrolán. Eran locais onde podiamos xuntarnos para preparar os alicerces de algo colectivo cando aínda non tiñamos un lugar propio. Daquela, pensando nun lugar axeitado para apresentar pública e abertamente o que pretendiamos fazer, concordamos que ese espazo era o Ateneo Ferrolán, e así foi, pois non só remataría sendo a nosa sede fundacional, senón, ademáis, onde se ubicaría o primeiro estudio da Rádio FilispiM, o mítico "metro cadrado".


28 de novembro de 2003. Dentre todas estas asembleas celebradas no 2003, ten especial significación a celebrada no Ateneo Ferrolán o 28 de novembro de 2003. A importancia desta asemblea é indiscutíbel para o que é a historia do colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM, xa que foi a primeira convocatoria publica (e publicada) aberta a cidadanía, para trasladar a idea e construir un proxecto colectivo de radio libre e comunitaria entre quen estiver interesad@. Tratábase de abrir o circulo, non era unha cuestión de catro amigos, pretendiamos darlle ao proxecto un sentido comunitario real.

O texto que segue é a convocatoria aberta, pública (e publicada na prensa) co fin de trasladar as nosas intencións ao conxunto da comunidade, co obxecto abrir a iniciativa a tod@ quen estiver interesad@ no proxecto. O lugar elixido foi o salón de actos do Ateneo Ferrolán; a data, 28 de novembro de 2003:

--
Sent: Tuesday, November 11, 2003 11:02 AM
Subject: PRIMEIRA ASEMBLEA ABERTA PARA A CONSTITUCIÓN DUNHA RADIO LIBRE EN FERROL 


Pola presente queremos anunciar a primeira convocatoria aberta para a constitución dunha asociación cultural que ampare o proxecto dunha RADIO LIBRE E COMUNITARIA no ámbito de Ferrol. Dita asemblea aberta, informativa e participativa, terá lugar o vindeiro venres 28 de novembro (2003) ás 20:00 horas no salón de actos do Ateneo Ferrolán. Nela trataránse, entre outras, as seguintes cuestións:
- Presentación do proxecto.
- Os fundamentos das rádio libres e comunitarias hoxendía. Exposición e debate deses principios no noso contexto.
- Constitución de comisións de traballo para unha primeira etapa (estatutos, divulgativa da idea, financiamento, técnica...)
- Participación activa e debate.

--

Sábado 13 de decembro de 2003. O aínda proxecto apresentouse públicamente no Foro Negro e participou nunha mesa de traballo xunto a Piratona, Kalimera e outros medios de contrainformazón do país galego. Todo esto levouse a cabo no Instituto Galego de Información en Compostela, como resposta de mobilización e artellamento de redes sociais, ante o panorama desolador (papel dos medios de des-información de masas e das institucións), por mor do desastre medio ambiental do verquido de fuel do buque Prestige as costas galegas. Naquel tempo, tamén acontecía a Guerra de Irak, na que nos meteu o goberno dereitista de Aznar. Anos despois demostrariase que o pobo que saíu en masa as ruas en todo o Estado, tiña razón.

Por outra banda, naquel ano de 2003, a nivel local, a radio universitaria de Ferrol Radio Kaos, que fora espazo de encontro de persoas radioapaixoados da Comarca, fora fechada ao conxunto da cidadanía. O "flamante" estudio de dita emisora universitaria no campus de Serantes, aínda hoxe continua a ser pasto das telarañas, do silencio máis vergoñento... o "universitario".

8 de abril do ano 2004 (xoves "santo"). Primeira edición do festival "Conspirando por unha radio libre", nunha sá da estación de Ferrocarril de Ferrol, na que actuaron Miguel Alonso, Loom, Window Pane, Funky Brewter and the Karma Bussines Band e a IV Guerra Mundial (todos eles grupos locais), que supuso un importante espaldarazo económico para adquisición dos equipos técnicos que posibilitarían futuras emisións da primeira radio libre e comunitaria da nosa comarca.

25 de xuño de 2004. Dado o éxito do primerio Conspirando decídese activar unha segunda edición para poder dar unha volta de torca a activación do proxecto. Os grupos dispostos a colaborarar de novo desinteresadamente no concerto serían: Boy Elliot, Mondopétriz, Kobe e Bang 74 e o lugar elixido é a mesma sá na Estación de Ferrocarril. Mais o imprevisíbel aconteceu...A sá erroneamente tiña convocada unha "festa universitaria" para ese mesmo día e hora, deixándonos esta falta de seriedade da sá fóra de xogo. Téntase negociar cos universitario que organizan a "festa", sen resultado positivo. De novo atopámonos co "muro" universitário.

Xullo-agosto 2004. Edición do primeiro número do "Fanzine FilispiM", con numerosas colaboracions "articulistas" de dentro e fóra do Colectivo.

Setembro/outobro/novembro/decembro 2004. Segundo ciclo de cinema e música do Colectivo Opaii!!, no Ateneo Ferrolán. Coa proxección dos filmes: "Buena Vista Social Club" (Win Wenders), "Year of the horse", "Camarón en París", "Concerto de Bob Marley", "A Migty Wind" (unha parodia sobre o rock duro) e mesmo a Triloxía Qatsi  (Koyaanisqatsi, Powaqqatsi e Nagoyqatsi).

31 de outubro de 2004. Festa de "defuntos" do Colectivo Opaii!, no Manchita Cosa, R/Magdalena (Ferrol). Donde as persoas fililspinianas de boa fé "rogaron unha oración polo eterno descanso da alma de Ferrolterra e realizaron todo tipo de conxuro para resucitala". Todo un acontecemento...

Nestas datas de finais de 2004. Ten lugar unha asemblea no Ateneo Ferrolán, de constitución dos principios da rede galega de radios libres e comunitarias, ReGARLIC, cuxo organizador foi o Colectivo Opaii!. Eses principios básicos tomaronse de constitución tomáronse nesa Asemblea, coa presenza de integrantes de Rádio Kalimera de Compostela, Rádio Piratona de Vigo, Cuac FM de A Coruña e Radio Roncudo de Corme.

Xaneiro de 2005. Continua o Colectivo Opaii! a proxectar filmes no Ateneo, "Baraka, o último paraiso".


27 de agosto de 2005, comezo emisións en probas da Rádio FilispiM ao través do 93.0 FM, o sábado 27 de agosto de 2005, dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán, R/ Magdalena, 202. A primeira peza que soou foi "A nossa história facémola nós" da Matraca Perversa.

27 de maio 2006, primeira Sesión Vermú do Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM no Ateneo Ferrolán. Actuaron: Faltriqueira, o Marqués das Viñas, Maite da Costa e Balandraka.

15 de decembro de 2006. Cambio de dial por concesión "legal", do 93.0 a unha radio privada, pasando Rádio FilispiM a emitir no 93.9 da FM, tras procurar ocos no dial.

Xaneiro, febreiro de 2007? (data por determinar exactamente). Pouco tempo despois deste cambio de dial, o Ateneo Ferrolán recibe unha visita de Telecomunicacións preguntando polos responsábeis da emisora. Tiñan detectado a nosa presenza no dial e requiren que nos identifiquemos, mais ficou en iso.

17 de xaneiro de 2008 cara as 11:30 h. O acceso ao Ateneo Ferrolán, en cuxas instalacións está Rádio Filispim, sofre un incendio provocado.  De non ter actuado os bombeiros tan eficazmente o material de construcción, madeira, teria consumido rapidamente o edificio e posto en perigo as vidas das persoas que ali estaban. A secretaria do Ateneo foi quen deu a voz de alarma. Nunca se esclareceu quen foi nen os motivos.

29 de xuño de 2010 as 16:35 hrs. Cese temporario de emisións polo inicio das obras de rehabilitación do Ateneo Ferroán.

Venres 17 de setembro de 2010. Reanudación das emisións (en probas) dende o novo estudo na traseira do Mercado de Caranza.

(...) en construción.

E así, nese contexto, xurdiu o Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM.

Crónica: Pequeno Monstro (actualizado a 16/02/2016).



Nenhum comentário:

Related Posts with Thumbnails