"Aquí Radio Kaos, a emisora universitaria e libre que okupa o 96.3 da FM en estéreo supersónico".
Desta forma indicabamos ao persoal que demos andaban a sintonizar, cando as emisións de Divertimento para Pequenos Monstros na emisora do campus de Serantes-Ferrol, naqueles 2000.
O programa que hoxe vos oferecemos debeu ser emitido na grella 1999/2000.
Este Divertimento ábrese cun par de textos do Pequeno Monstro (Poema Bomba e Aquela Casiña), segue cun poema do ferrolán Santi Ribera e finda, na súa primeira metada adicada aos textos, con Rosa de Sanatorio de Don Ramón María del Valle-Inclán, surreal poema enunciado nas noites de finais dos oitenta, por José Luis Moreno-Ruíz no seu memorábel programa (do mesmo nome) en Radio 3.
Na segunda parte do programa falamos con todo un personaxe daquelas noites ferrolás dos noventa: Raúl "El Ilegal". Daquela, Raúl tiña un local de copas na Rúa do Sol de Ferrol, facía debuxos e .... Bon, escoiten o programa.
Ben lembro a tarde na que entramos pola porta da Escola U. Politécnica de Serantes, dende donde emitía Radio Kaos, o Raúl e mais eu. O Raúl apareceu cun enorme teclado Farcisa TK61. Aínda o estou a ver, levaba unha gafas de rallar, tan delgado el con ese teclado que case o duplicaba en tamaño e peso, atravesando a porta da Politécnica camiño do estudio, ante a mirada atónita dos estudantes.
Na conversa con Raúl, acompáñanos Suso Suciedad, sombra de Divertimento naquela etapa.
Daqueles anos e daquelas ondas, lembro estes programas: O que nós sabemos e vostedes non (Santi Bergantiños e compaña), Shock (Bárbara Calavera Zalamera), Ábrete de Orellas e Chicas Católicas (Pepe Luis Cunha), Disidente (Iván), O Lucecú (Ana Santiago), Galiza Solidaria (Cebral), Café Jazz (Manuel Lorenzo), Manchita Cosa (Suso Suciedad e Paulopablo), Autopista 61, El Taller del Duende, Con Alma de B-Boy, Sinfonías Metálicas, A letra "A" e Expresión Directa (Xabi e Iván), Divertimento para pequenos monstros, e mesmo Textículos by me (Pequeno Monstro, Ana Lucecú e Suso Suciedad), nun asalto radiofónico perpretado a man armada de poemas.
Ti mesm@ podes completar esta semblanza á Radio Kaos comentando esta entrada ao pe.
A próxima semana o Pequeno monstro, desvelara quen e como se cargou Radio Kaos.
Entre tanto, para lembranza de tod@s, rescatamos do arquivo unha imaxe da grella do vrao do 2000, daquela sorprendente emisora. Un documento valorado agora mesmo en 20.000€ . Ao principio nesta entrada atoparala, fai clic nela para ampliala, pero nada de tocar.
Ficades co audio bomba.
Descargar o arquivo
Nenhum comentário:
Postar um comentário