O proxecto de creación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol remóntase cara ao mes de novembro do ano 2003. Por iniciativa dalgúns afeccionados á comunicación, e á radio en particular, que coincidiran na etapa máis relevante da radio universitaria do campus de Ferrol, tiveron lugar unhas reunións onde se calibraron a viabilidade e as características dun proxecto desta índole na cidade e a súa área de influencia. Recabouse ampla información de experiencias similares en distintos lugares do mundo e chamouse á participación de individuos involucrados en diferentes colectivos ou a título persoal.
Co fin de consolidarmos a iniciativa, establecimos unhas premisas cara apresentar públicamente o proxecto nunha Asemblea aberta celebrada no Ateneo Ferrolán, o 28 de novembro de 2003. O obxectivo: converter en protagonistas a estimulación da diversidade cultural, a interacción, a experimentación ou a aposta pola autoxestión na procura doutras fórmulas de relación entre comunicador e ouvinte.
Un par de meses despois, seguimos a traballar en diferentes comisións coordinadas a traverso de asembleas periódicas. Adicando cadaquén parte do seu tempo libre e experiencia, nesta primeira fase traballamos na redacción dos Estatutos da Asociación Cultural, soporte legal do proxecto, programando actividades coas que recadar eses primeiros cartos cara o autofinanciamento, ademáis de manter sempre aberto o proxeto mediante contactos persoais con asociacións e colectivos e con iniciativas afíns, da comarca, galegas e estatais (outras emisoras e medios independientes ou mesmo a iniciativa englobadora da contrainformación que constituiu naquel tempo da catástrofe do buque Prestige, o Foro Negro). Sen présas pero sen pausa...
Nunha cidade tan necesitada de motivacións, incentivos, ilusión, novos folgos, veracidade ou vitalidade, Rádio FilispiM (ferrolá desde a súa denominación: a orde naval at full speed, "a toda máquina, a toda velocidade", fora adaptada polos traballadores da zona na expresión "a todo filispín") constitúe un proxecto ilusionante, de cooperación e coordinación entre xentes diversas cun mesmos obxectivos, coma a pretension (inédita até daquela) da activación da primeira radio libre e comunitaria da Comarca de Ferrol/Trasancos.
Unha proposta baseada na liberdade de expresión traballada desde abaixo e fundamentada na integración das diversas asociacións, forzas, organizacións e colectivos sociais en pos dun medio de expresión feito por e para a xente, unha canle local digna e independente que dea voz a todol@s que teñen algo que dicir e son ignorados ou utilizados polos medios establecidos. Desde o comezo, as portas ficaron abertas á participación, así que non fiques a ser simples espéctador da construcción deste pequeño/grande soño...