Colabora na autogestom!

Triodos Bank: ES06-1491-0001-2120-2936-2023

Titular: Associaçom Cultural OPAíí!! [Ondas Para Ativaçom da Informaçom Independente]

Mostrando postagens com marcador Quen somos?. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Quen somos?. Mostrar todas as postagens

28 agosto, 2005

Rádio FilispiM, xa está no ár!!! (emisión en probas)

Detalle do cenario do 1º Conspirando por unha radio libre
Temos o prazer de vos comunicar que o proxecto dunha radio  libre e comunitaria para Ferrol, Rádio FilipiM, iniciado hai agora case un ano e ideado polo Colectivo OPAíí!! (Ondas Para Activación Información Independente ), xa é unha realidade.

Rádio FilipiM comezou as súas emisións en probas no 93.0 da FM o meiodía do pasado sábado 27 de agosto deste 2005. Nas vindeiras semáns os integrantes deste colectivo ferrolterrán (legalmente constituido como asociación cultural) levarán ao cabo os axustes técnicos precisos para a correcta recepción "da filispim".

Como sabedes, Rádio FilipiM (RFM), esta concebida coma unha radio de baixa potencia encadrada dentro do ideario das radios comunitarias e libres habidas no mundo, sen patrocinadores ou intereses ente-empresariais. As súas referencias máis inmediatas son: Rádio Kalimera (Santiago de Compostela), Rádio Piratona (Vigo) ou, mesmo, a CUAC FM, radio universitaria de A Coruña. Os nosos referentes estatais: a U.R.C.M (Unión de Rádios Comunitarias e Culturais de Madrid), entre outros. A todos eles: grazas pola vosa inestimábel axuda!. Agradecementos que fazemos extensivos, a tod@s @s ferrolterráns que colaboraron desinteresadamente para fazer real o proxecto: participando nos festivais "Conspirando por unha rádio libre", as bandas de música locais que cederon a súa música para os cedés recompilatorios.... en definitiva, que colaboraron activamente no autofinanciamento do proxecto da activación da primeira radio libre e comuntaria de Ferrol e comarca que xa é unha realidade!!

En breve teredes máis información ao respeito da presentación oficial do proxecto e da convidación á participación criativa que se avecina. Ao loro! De momento, pedímosvos que nos sintonicedes as emisións en probas e remitades a este mail filispina@gmail.com coas vosas impresións de como chega a "sintonía filispiniana", lugar dende onde sintonizades...

Lembra, Rádio FilipiM xa en probas, no 93.0 da FM.
Colectivo Opaii!!! - RFM, 93.9 FM.



30 setembro, 2004

Os primeiros pasos do Colectivo Opaii!! - Rádio FilispiM


O proxecto de creación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol remóntase cara ao mes de novembro do ano 2003. Por iniciativa dalgúns afeccionados á comunicación, e á radio en particular, que coincidiran na etapa máis relevante da radio universitaria do campus de Ferrol, tiveron lugar unhas reunións onde se calibraron a viabilidade e as características dun proxecto desta índole na cidade e a súa área de influencia. Recabouse ampla información de experiencias similares en distintos lugares do mundo e chamouse á participación de individuos involucrados en diferentes colectivos ou a título persoal.

Co fin de consolidarmos a iniciativa, establecimos unhas premisas cara apresentar públicamente o proxecto nunha Asemblea aberta celebrada no Ateneo Ferrolán, o 28 de novembro de 2003. O obxectivo: converter en protagonistas a estimulación da diversidade cultural, a interacción, a experimentación ou a aposta pola autoxestión na procura doutras fórmulas de relación entre comunicador e ouvinte.


Un par de meses despois, seguimos a traballar en diferentes comisións coordinadas a traverso de asembleas periódicas. Adicando cadaquén parte do seu tempo libre e experiencia, nesta primeira fase traballamos na redacción dos Estatutos da Asociación Cultural, soporte legal do proxecto, programando actividades coas que recadar eses primeiros cartos cara o autofinanciamento, ademáis de manter sempre aberto o proxeto mediante contactos persoais con asociacións e colectivos e con iniciativas afíns, da comarca, galegas e estatais (outras emisoras e medios independientes ou mesmo a iniciativa englobadora da contrainformación que constituiu naquel tempo da catástrofe do buque Prestige, o Foro Negro). Sen présas pero sen pausa...

Nunha cidade tan necesitada de motivacións, incentivos, ilusión, novos folgos, veracidade ou vitalidade, Rádio FilispiM (ferrolá desde a súa denominación: a orde naval at full speed, "a toda máquina, a toda velocidade", fora adaptada polos traballadores da zona na expresión "a todo filispín") constitúe un proxecto ilusionante, de cooperación e coordinación entre xentes diversas cun mesmos obxectivos, coma a pretension (
inédita até daquela) da activación da primeira radio libre e comunitaria da Comarca de Ferrol/Trasancos. 

Unha proposta baseada na liberdade de expresión traballada desde abaixo e fundamentada na integración das diversas asociacións, forzas, organizacións e colectivos sociais en pos dun medio de expresión feito por e para a xente, unha canle local digna e independente que dea voz a todol@s que teñen algo que dicir e son ignorados ou utilizados polos medios establecidos
Desde o comezo, as portas ficaron abertas á participación, así que non fiques a ser simples espéctador da construcción deste pequeño/grande soño...

10 abril, 2004

Agradecimentos filispinianos post-conspiratorios (1º Conspirando).

Imaxe dunha das faixas incitando ao 1º Conspirando por unha Radio Libre

Agradecementos tralo suceso do I Festival CONSPIRANDO por unha rádio libre en Ferrol (8/04/2004).

A coordernadora do Colectivo OPAII!! quere agradecer a todos e todas os que colaboraron no éxito da primeira edición do seu seu festival "Conspirando por unha radio libre" do pasado xoves 8 de abril de 2004, na Estación de Ferrocarril de Ferrol.

O apoio inmediato do Ateneo Ferrolán deunos forza e credibilidade para que o noso proxecto dunha asociación cultural e unha radio libre estea a facerse unha realidade, os establecementos colaboradores publicitados no cartel do festival posibilitaron a financiación inicial do mesmo, os artistas que desinteresadamente achegaron as súas cancións para formaren parte do noso primeiro CD compilatorio de bandas locais, grazas ao cal atopamos o primeiro motivo para montar o festival...


...ao ferrolán Gabriel, xefe de esceario, e o santiagués Ramón, técnico de son, por seren dous auténticos luxos como profesionais e como persoas, a Miguel Alonso, Óscar Fernández e Serxio Ces, Funky Brewster and the Karma Business Band, Loom, Window Pane e La IV Guerra Mundial por actuaren desinteresadamente, pola súa profesionalidade e unhas estupendas actuacións en cadanseu estilo...

...á xente de Tamarindo polos seus bocatas e aos pinchadiscos que mantiveron a festa: Pequeno Monstro, Abi, Fonso, Abretedeorellas, Manchita, aos que nos axudan a divulgarmos as iniciativas do Colectivo OPAII e Rádio FilispiM, como Diario de Ferrol, Rádio Fene, CUAC FM, Alonso "As Muxicas", Vieiros, abretedeorellas.com, Localia Ferrol e moitos sitios e individuos na Rede que non caberían nestas liñas...

...e tamén agradecemos aos medios que pretenden ignorarnos, porque nos dan un pulo aínda máis forte para apostarmos por un medio de comunicación aberto, libre, ao servizo da comunidade ferrolterrá: Rádio FilispiM. Aos centos de persoas que se achegaron ao festival pola súa resposta e polo seu comportamento, entre todos e todas déstesnos moita enerxía para seguirmos "a todo filispín".

Coordinadora do Colectivo OPAII - Abril 2004



Video: algunhas imaxes da pinchada posterior ás actuacións, no I Conspirando por unha Rádio Libre (8/4/2004)

03 abril, 2004

Por que umha rádio livre em Trasancos?


Rádio FilispiM nasce da necessidade dum espaço de livre expressom para todos os colectivos ou individuos que o precisarem e se virem marginalizados nos meios existentes na comarca, nasce para dar a voz aos sem voz, para potencializar e dinamizar a vida e cultura alternativa-revindicativa desta comarca, com umha óptica localista e independente, nom submetida aos particulares interesses de grupos económicos ou de entes públicos.


Diversas experiências noutros lugares da Galiza, demonstram que é possível. Rádio Kalimero em Compostela, Rádio Piratona e Onda Nada em Vigo, Rádio Discolócate em Ribeira ou Cuac FM na Corunha, servem de modelo e ponto de partida à nossa particular aventura. A Asociación Cultural OPAII, ampara esta iniciativa, assim como a vertebraçom de umha rede cultural alternativa local e outras actividades que apostem decididamente polo de aqui.

02 abril, 2004

Que é umha rádio livre?

Que é para nós unha radio livre, que pretendemos ser?. 

As rádios livres, comunitárias, culturais ou alternativas, respondem a experiências de comunicaçom horizontal baseadas na procura de novas fórmulas de relaçom entre comunicador e ouvinte, donde a interacçom, a estimulaçom da diversidade cultural, a experimentaçom ou a aposta pola autogestom, convírten-se em protagonistas fronte ao patrocínio institucional ou de influentes corporaçons. Justificam a sua presença nas ondas de acordo ao direito fundamental de liberdade de expressom. O espectro radioeléctrico é património comum da humanidade, sendo a única atribuiçom que corresponde ao Estado, neste sentido, o de administrá-lo com critérios de igualdade e justiça.

01 abril, 2004

1er festival Conspirando por unha radio libre (08/04/2004)

Cartaz da mítica primeira edición do Conspirando por unha radio libre, que deu un importante apoio ao Colectivo Opaií! canto a activazón da radio libre e comunitaria Rádio Filispim, 93.9 FM [Ferrol-Terra de Trasancos].

Aquela primeira edizón celebrouse nunha sala da estación de ferrolcarril de Ferrol [A Corunha] un 8 de abril de 2004 [xoves "santo"], acudindo perto de 400 persoas, o que supuso un estupendo espaldarazo para a merca dos equipos técnicos, conseguindo o Colectivo Opaií! cumprir un dos seus principios fundacionais: autofinanciarse.

Todos os grupos e solistas que actuaron naquela edición executaron unhas estupendas actuacións e tocaron desinteresadamente apoiando a idea. En agradacimento a el@s, aquí van os nomes d@s artistas e bandas: Miguel Alonso, Óscar Fernández e Serxio Ces, Funky Brewster and the Karma Business Band, Loom, Window Pane e La IV Guerra Mundial.

Conqueridos os equipos técnicos necesarios [alta e baixa frecuencia], así como un local cedido polo Ateneo Ferrolán, Rádio Filispim comeza a emitir en agosto de 2005, conquerindo o Colectivo Opaíí!! ACTIVAR a primeira emisora de carácter libre [sen patrocinadores públicos e privados] e comunitaria [participación activa dos colectivos socias] de Ferrol/Terra de Trasancos.


Video: pequena montaxe realizada do I Conspirando por unha Rádio Libre (8/4/2004)
Related Posts with Thumbnails