UNHA TARDE NO MUÍÑO.
Programa nº 7. Luns 18 Decembro 2018.
Emisión número sete que comeza
coa sección habitual de Roberto Taboada Noticias
de Canido, para continuar cun
programa especial a xeito de homenaxe a Antón Varela, Tonecho, Gaiteiro de
Canido, Gaiteiro Universal.
Como convidados estiveron no
programa José Varela, irmán de Tonecho, e Xan R. Silvar amigo e compoñente do
grupo Raparigos.
Gaita Irreal de Celso Emilio, foi o pórtico de entrada a un
percorrido vital e artístico do homenaxeado.
Percorrido vital, dende os xogos en Ínsua do
neno Tonecho, ata os seus estudios de mozo. Dende o carteiro e electricista ata
o obreiro da Bazán que un día decide cambiar de rumbo e buscar outros portos. Tonecho
pide a conta e prepárase para dedicarse
enteiramente a súa paixón, a gaita . A gaita como interpretación e construción.
Percorrido artístico explicativo
do achegamento ao mundo da gaita, dende as influencias familiares, Follas
Novas, Raparigos, Cempés, Berros do Castro…...ata o derradeiro interprete de Catálogo de seu. Polo medio viaxes a
Festivais e Encontros Internacionais (Modena, Lorient, Saint Chartier…). Sen
esquecer o labor docente e formativo que desenvolveu en barrios e parroquias de
Ferrolterra.
Tonecho e a súa coidada
interpretación, lonxana a calquera adorno en desmesura que rompera a emoción
primixenia da liña melódica. Tonecho construtor e investigador no seus
obradoiros da rúa San Francisco e Magdalena, lugar de encontro do mundo da
música tradicional da contorna.
E Tonecho solidario con calquera
iniciativa cidadán, nomeadamente con aquelas do seu barrio: Canido.
Soaron as gaitas do seu
derradeiro traballo e coa solemnidade da Marcha de Breixo pechou esta homenaxe
a Antón Varela, Tonecho.